El Correo Gallego

Tecnoloxía

O xogo galego Saucer-Like sae á venda en Steam

A editorial viguesa Fosfatina estréase no mundo dos videoxogos cunha aventura gráfica point and click con aparencia de película de animación xaponesa.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 06.04.2017 
A- A+

Finalmente o xogo Saucer-Like está dispoñible a través de Steam, o que supón a estrea da editorial viguesa Fosfatina no mundo dos videoxogos cunha aventura gráfica cunha face artística moi coidada que busca chegar a público de todo o mundo, de xeito que estréase con interface e textos en español, inglés, francés, alemán e ruso. Como vén a ser habitual nos lanzamentos, durante os primeiros días este título terá un pequeno desconto, polo que o seu prezo quedaría en 5,39 euros. Fosfatina tamén ofrece o xogo na súa tenda en liña.
Esta aventura point and click sorprende cos acabados dos seus máis de 40 fondos pintados a man, os seus personaxes que parecen sacados dunha película de animación xaponesa e a súa banda sonora instrumental emotiva, elementos que sen dúbida axudan a introducirse nesta fábula animista que chama á reflexión sobre o papel do individuo na sociedade.

Saucer-Like preséntanos a un mozo, Yanagi, pertencente a un clan de silenciosos gardiáns e moradores do bosque que esperta unha mañá sabendo que se enfronta ao día máis transcendental da súa vida, por ter que elixir se unirse ou separarse do seu clan para sempre agora que chega o tempo da celebración dun ritual longamente anticipado e transmitido por xeracións. Na vila tamén hai outros habitantes que se enfrontan de distinto xeito ás dúbidas mesmas dúbidas que Yanagi, quen opta pola exploración dos misterios que o levarán a decidir o seu destino.
Este traballo é froito do esforzo conxunto do programador Nicolás Casal, o animador José Garnelo e o músico Xavi Núñez, que lograron construír unha ambientación absorbente que por momentos chéganos a transmitir que estamos ante unha película de animación na que podemos adoptar un rol activo. Todo un logro para unha produción desenvolvida por un equipo tan reducido.