El Correo Gallego

Tecnoloxía

Xiaomi presenta a competencia chinesa do Note7

O Mi Note 2 ten unha pantalla de 5,7 polgadas, laterais curvos e elevadas prestacións que o fan converterse nunha grande alternativa ao Samsung Galaxy Note7 cun prezo sensiblemente inferior

MARCUS FERNÁNDEZ  | 25.10.2016 
A- A+

O fabricante chinés Xiaomi soubo aproveitar o mal momento que pasa Samsung por mor dos problemas do Galaxy Note7 e estrea o seu smartphone Mi Note 2, atendendo así a demanda de teléfonos de grande tamaño, elevadas prestacións e coidado deseño, sendo incluso difícil de distinguir o Note 2 de Xiaomi do Note7 de Samsung, xa que comparte unha das súas características máis visibles: unha pantalla curvada a ambos lados.
Este novo smartphone presume da súa pantalla OLED curva Full HD de 5,7 polgadas de elevado contraste e grande rango de cor, pero tamén vén moi cargado tecnicamente, cun procesador Qualcomm Snapdragon 821, 6 GB de RAM (LPDDR4), 128 GB de almacenamento interno (USF 2.0) e batería de 4.070 mAh con Quick Charge 3.0, características de auténtico luxo ás que suman un procesador de audio de alta definición, un GPS máis preciso e, moi especialmente, soporte completo de NFC, de xeito que este móbil sería compatible cos sistemas de pagamento móbil que están a imporse no mercado e aos que o mercado chinés parecía alleo. De feito, a incorporación do NFC non é o único toque internacional do Mi Note 2, senón que tamén destaca por incluír todas as bandas internacionais de LTE, de xeito que funcionaría coas redes 4G de todas as compañías do mundo.

O Mi Note 2 conta con NFC, de xeito que é compatible con varios dos actuais sistemas de pagamento dende o móbil

A cámara deste móbil tamén apunta alto, cun sensor de 22,56 Mpíxeles e gravación de vídeo en ultra alta definición con estabilización electrónica; mentres que a cámara frontal queda nuns máis que xenerosos 8 Mpíxeles aos que suma enfoque automático e efecto beleza 3.0 para optimizar os selfies.
Este atractivo smartphone chega en tres versións distintas, sendo a que vimos de comentar (considerado o internacional) a máis elevada, cun prezo de 3.499 iuans (474,34 euros), mentres que a versión para o mercado interno chinés custaría 3.299 iuans (447,23 euros) e a versión con  4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno custaría uns máis asumibles 2.799 iuans (379,45 euros).