El Correo Gallego

Tecnoloxía

Xiaomi presenta as súas alternativas aos novos iPhone 7

Seguindo os pasos de Apple, os novos smartphones insignia de Xiaomi chegan en dous tamaños diferentes. // O Mi 5s Plus tamén compite co iPhone 7 Plus coa súa dobre cámara traseira.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 28.09.2016 
A- A+

Semella que o fabricante chinés Xiaomi non busca competir co resto de fabricantes locais, e apunta directamente a Apple e a Samsung cos seus dispositivos, ou iso entendemos tras a presentación dos novos Mi 5s e Mi 5s Plus, que parecen unha resposta directa ao iPhone 7 e 7 Plus, contando non só con especificación moi elevadas, senón tamén cunha dobre cámara traseira no modelo de maior tamaño.

O novo smartphone de referencia de Xiaomi sería agora o Mi 5s, cunha pantalla Full HD de 5,12 polgadas (cunha luminosidade de 600 nits), procesador Qualcomm Snapdragon 821 a 2,15 GHz con 3/4 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 12 Mpíxeles cun sensor de 1,55 micrómetros, cámara frontal de 4 Mpíxeles cunha apertura f/2.0 e sensor de 2 micrómetros, batería de 3.100 mAh (que se carga mediante USB-C) e incluso unha interesante innovación: o lector de pegadas dixitais mediante ondas ultrasónicas que permite a súa colocación tras o cristal frontal do terminal. Este smartphone, cunha forma que pode lembrar moito ao Samsung Galaxy S7, chegará ao mercado chinés por 1.999 iuans (267 euros) na súa versión con 3 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, e por 2.299 iuans (307 euros) con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, prezos que son menos da metade que equivalentes doutros fabricantes.

Mi 5s Plus apuntan máis alto, principalmente por integrar unha pantalla Full HD de 5,7 polgadas (cun brillo de 550 nits), que vén acompañada cun procesador máis potente (a 2,35 GHz), 2 GB máis RAM, batería de 3.700 mAh e dobre cámara traseira de 13 Mpíxeles, sendo unha das cámaras monocromo (na liña do que fai o Huawei P9). Outra importante diferenza é que muda o lector de pegadas dixitais á parte traseira do móbil. O modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento venderase por 2.299 iuans (307 euros) e o de 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento custará 2.599 iuans (347 euros).

Os novos smartphones chegan con carcasas metálicas en 4 cores distintas

Estes novos smartphones sairán á venda o día 29 e inclúe tecnoloxías como conectividade 4G+, o seu almacenamento interno sería UFS 2.0, as súas carcasas estarían dispoñibles en 4 cores distintas (ouro, prata, branco e rosa), e incluso contan con NFC, algo pouco frecuente nos móbiles chineses, que parece dar a entender que ábrense aos futuros métodos de pagamento móbil que queren popularizarse en Occidente.