El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

A Xbox One contará cun servizo de subscrición de videoxogos

A través de Xbox Game Pass os xogadores de Xbox One contarán cun catálogo renovado mensualmente de máis dun cento de xogos.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 01.03.2017 
A- A+

Nos últimos anos os servizos de subscrición a contidos dixitais parecen querer imporse, de xeito que Spotify normalizouse como un xeito de consumir música e Netflix goza de moita sona para acceder á carta a películas e series de televisión, mentres que no sector dos videoxogos temos ofertas como a de EA Access, que por 24,99 euros/anos ofrece o acceso a unha boa colección de xogos editados por Electronic Arts para Xbox 360 e Xbox One, e que vai ter un duro competidor da man da propia Microsoft, que anuncia que a finais de primavera estreará Xbox Game Pass, un servizo que a un prezo mensual reducido ofrecerá acceso ilimitado a máis dun cento de xogos para Xbox One (incluíndo xogos retrocompatibles de Xbox 360) como Harlo 5: Guardians, NBA 2K16, LEGO: Batman, Mad Max, Gears of War: Ultimate Edition, SoulCalibur II ou Payday 2.
Polo momento fálase de que este servizo custará 9,99 dólares/mes (o que en España posiblemente custe 9,99 euros/mes), ofrecendo un catálogo de máis dun cento de xogos que poderán descargarse na Xbox One para poder reproducirse coma se fose do usuario mentres se manteñan no catálogo de Xbox Game Pass (que mudará mensualmente para que a súa oferta de xogos estea actualizada constantemente) de aí que sexa doado describir esta oferta como «o Netflix dos videoxogos», o que non sería de todo correcto, pois de comparar con outros servizos de vídeo sería máis afortunada a analoxía con Wuaki TV, xa que a subscrición pode combinarse coa compra e, de feito, os subscritores recibirán un desconto do 20% nos xogos do catálogo e do 10% nos complementos relacionados, polo que se un título é do seu agrado e queren poder gozar do mesmo sen limitacións temporais, poden optar a pasar por caixa.
Será posible subscribirse a Xbox Game Pass de xeito independente a Xbox LIVE Gold, aínda que a subscrición Gold continuará a ser necesaria para xogar en liña a calquera xogo.