El Correo Gallego

Tecnoloxía

Unha tableta aspira a substituír ao papel

reMarkable conta cunha pantalla de tinta electrónica de 10,3 polgadas na que pode escribirse cun lapis dixitalizador de xeito que podería coller o relevo dos cadernos tradicionais.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 02.12.2016 
A- A+

A substitución do papel como soporte de lectura é algo que os eReaders están a perseguir activamente, pero como soporte de escritura as pantallas táctiles con stylus non están conseguindo a mesma fortuna, polo que propoñen unha interesante tableta chamada reMarkable, que sería unha mestura entre ambos conceptos: terían unha pantalla de 10,3 polgadas de tinta electrónica monocroma sobre a que poder escribir con lapis que rexistra a inclinación e 2.048 niveis de presión para conseguir replicar con bastante éxito o comportamento do papel real.
Este novo produto estaría orientado aos amantes do papel, que non queren empregar tabletas tradicionais, non só pola súa tecnoloxía de pantalla, senón tamén polo feito e que ao ser dispositivos multi-función distraen ao usuario cun bombardeo constante de información (chíos, correos electrónicos e notificacións de todos tipo). Así, reMarkable sería un dispositivo moi práctico para os que buscan unha experiencia análoga á do papel, facilitando a realización de anotacións ou de bosquexos, coa vantaxe de que cunha solución baseada en tinta dixital é posible organizar e almacenar todos os nosos documentos de xeito virtual, evitando a acumulación de papeis e permitindo incluso compartir as anotacións e os deseños sen ter que facer copias impresas.
A tecnoloxía de pantalla de reMarkable destacaría non por ter resposta táctil, senón pola velocidade da súa tinta, xa que ten unha latencia de só 55 milisegundos, mentres que moitos eReaders non serían capaces dunha experiencia satisfactoria porque a pantalla tardaría demasiado tempo en reflectir os trazos do usuario, creando unha sensación moi incómoda para o usuario.

Estamos ante un produto bastante atractivo, que como principal eiva ten un prezo moi elevado, xa que a súa primeira edición (supostamente rebaixada) custaría 379 dólares (355 euros), o que parece demasiado para un simple substituto do papel, aínda que non faltará quen queira gozar desta tecnoloxía (especialmente por permitir a lectura de documentos PDF e ePUB nun tamaño moi superior ao das pantallas de 6 polgadas dos eReaders habituais) que non chegará á súa fase de produción até o verán de 2017.