El Correo Gallego

Tecnoloxía

Unha funda para iPhone engádelle un smartphone con Android

A curiosa funda chamada Eye engade batería e almacenamento externo ao iPhone á vez que tamén funciona como un smartphone con Android que aproveita as cámaras, o micrófono e o altofalante do iPhone.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 13.03.2017 
A- A+

Un novo proxecto de micromecenado chega a Kickstarter coa posibilidade de completar o seu financiamento en poucas horas grazas ao innovador e práctico da súa proposta, que consiste nunha funda para iPhone que na práctica incorporaría un smartphone Android, aínda que para que non sexa un auténtico ladrillo aproveita elementos do propio iPhone.
Eye, que así se chama esta funda para iPhone, pretende venderse no futuro a un prezo de 189 dólares, pero actualmente pode conseguirse por 95 dólares (110 euros cos gastos de envío incluídos) na súa versión normal e 129 dólares (142 euros con portes) na súa versión 4G, de xeito que está nun nivel de prezo que claramente garante que o apoio a esta campaña de micromecenado vaia ser masivo, de xeito que pode darse por seguro que algo despois do mes de agosto os mecenas comecen a recibir as súas fundas se todo sae ben.
Este invento incorporaría unha pantalla AMOLED Full HD de 5 polgadas (con funcionalidade Always On), sistema operativo Android puro (versión 7.1), procesador MediaTek Helio P20, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB, batería de 2.800 mAh con carga sen fíos, espazo para dúas tarxetas SIM, infravermellos (para funcións de mando a distancia), GPS, Bluetooth 4.2, Wi-Fi AC, NFC, radio FM, unha etiqueta metálica para que poida colocarse no soporte no automóbil e incluso unha toma de auricular de 3,5 milímetros, e como outro detalle curioso, promete uns magníficos selfies (xa que ao incorporar a súa pantalla na parte traseira do iPhone, realmente a cámara que emprega como frontal sería a traseira do teléfono de Apple, polo que podería asegurarse que sería a mellor cámara frontal do mercado sen lugar a dúbidas).
Como estamos ante un accesorio conectado ao iPhone, non só terá como vantaxe o permitir gozar dun smartphone secundario con Android, senón que tamén engade funcionalidades ao teléfono de Apple como poder facer unha copia de seguridade das súas fotografías e vídeos a unha tarxeta microSD mediante unha aplicación, a batería da funda tamén serve para incrementar a autonomía do móbil, e dado que permite empregar até dúas tarxetas SIM, ao contar tamén coa liña do propio iPhone sería como contra cun teléfono con tripla SIM.
A funda non conta con micrófono nin altofalante, xa que aproveita os do propio teléfono, pero cómpre salientar que a súa toma de auriculares non é só para a súa parte Android, senón que tamén funcionará co iPhone para música e chamadas, recuperando así a posibilidade de empregar os vellos auriculares nos últimos modelos de iPhone.