El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Unha ferramenta permite usar o iPad Pro para debuxar no ordenador

Duet Display estrea soporte de Apple Pencil, podendo incluso transmitir a presión e a inclinación do lapis de Apple sobre a pantalla do iPad Pro para conseguir debuxos máis naturais en aplicacións gráficas profesionais.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 31.10.2016 
A- A+

Hai tempo que a aplicación Duet Display chamaba a atención por permitir converter un iPad nun monitor externo para OS X e Windows, o que facía que durante o traballo de escritorio puidese aproveitarse a tableta de Apple para incrementar a produtividade, pero esta ferramenta que podemos mercar na App Store por 19,99 euros vén de dar un importante salto ao incorporar compatibilidade co iPad Pro e Apple Pencil, de xeito que os usuarios que teñan a tableta de Apple con lapis dixitalizador poderán empregar o dispositivo a xeito de tableta gráfica, para poder debuxar de xeito profesional no seu ordenador (suplindo a carencia de software profesional que ten o mal chamado iPad Pro).
Para usuarios que conten cun iPad Pro pode resultar moi práctico poder convertelo no equivalente a unha tableta gráfica Wacom (ou semellante) mediante software, precisando só conectar a tableta ao ordenador mediante un cable, para que logo o software desenvolvido por Duet Display poida transmitir a información do Apple Pencil a grande velocidade, de xeito que o retardo non se converta nun atranco á hora de debuxar con ferramentas informáticas valéndose desta solución que, para un mellor funcionamento precisaría da súa versión Pro, modelo de subscrición que por 19,99 euros/ano (que poden pagarse dende a propia aplicación) incorpora a esta ferramenta unha maior precisión, facendo que a presión e a inclinación do Apple Pencil tamén se teñan en conta á hora de debuxar, conseguindo un resultado máis natural nas aplicacións profesionais que detectan este tipo de información (como Photoshop ou Corel Painter).