El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Unha compañía ofrece tarxetas SIM con WhatsApp de balde en máis de 200 países

KnowRoaming comercializa liñas telefónicas móbiles de prepagamento nas que o tráfico de datos da aplicación WhatsApp é completamente de balde // A compañía emprega o WhatsApp como reclamo para atraer usuarios aos seus servizos de telefonía móbil en itinerancia

MARCUS FERNÁNDEZ  | 10.11.2016 
A- A+

O pasado verán chegou a España o operador de telefonía móbil FreedomPop ofrecendo un servizo case de balde, no que destacaba o feito de que ofrecían sen cargos mensuais 200 MB de datos dende o móbil nos que non computaría o tráfico de WhatsApp, o que para moitos usuarios suporía ter telecomunicacións de balde, e agora chega unha proposta semellante, aínda que destinada principalmente a usuarios itinerantes: KnowRoaming.
Esta compañía xa leva tempo operando, ofrecendo tarxetas SIM orientadas ao roaming e incluso un adhesivo que pode colocarse sobre a nosa SIM habitual, de xeito que cando estamos no noso territorio empregaremos a SIM orixinal e ao saír ao estranxeiro actívase a SIM integrada no adhesivo, evitando que os usuarios máis viaxeiros teñan que andar a mudar a súa tarxeta SIM ou teñan que empregar un smartphone con dobre SIM (posibilidade da que carecen os usuarios de móbiles de Apple).
A novidade desta semana por parte de KnowRoaming é que, na mesma liña do que fai FreedomPop, deixa de contar o tráfico de WhatsApp para os seus usuarios, evitando así que durante as viaxes haxa que contratar tarifas de datos para poder estar accesible a través de tal aplicación nin ter que agardar a chegar a unha zona con Wi-Fi para poder recibir mensaxes de WhatsApp. O feito de que o uso de WhatsApp sexa de balde cunha liña de KnowRoaming en máis de 200 países é un interesante incentivo para facerse cunha das súas tarxetas SIM, o que abriría a porta ao uso da liña móbil (de prepagamento) para enviar mensaxes de texto, facer chamadas telefónicas ou conectarse á Rede a servizos distintos de WhatsApp. En calquera caso as tarifas serían máis económicas que a de moitas compañías, evitando a molestia de ter que andar adquirindo tarxetas SIM nos distintos países polos que se viaxe para non ter que facer fronte a unhas tarifas moi elevadas.

KnowRoaming
O Global SIM Sticker adhírese a unha tarxeta SIM ordinaria de xeito que a liña de KnowRoaming só se activa cando estreamos noutro país, o que resulta moi práctico para viaxeiros frecuentes
FOTO: KnowRoaming

Os produtos que comercializa a usuarios particulares KnowRoaming son actualmente o Global SIM Sticker, que custa 29,99 dólares (sendo este adhesivo especialmente atractivo para quen non conta cun smartphone con dobre SIM) e a Global SIM Card, que custa 9,99 dólares, tendo que engadir en ambos casos 5 dólares en concepto de portes.