El Correo Gallego

Tecnoloxía

Un casco de realidade aumentada convídanos a xogar a ser un cabaleiro jedi

O produto de Lenovo válese do móbil para achegarnos un xogo que simulará que estamos a ver hologramas.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 16.02.2018 
A- A+

En setembro anunciouse a alianza entre Lenovo e Disney para comercializar un casco de realidade aumentada Lenovo Mirage cun mando con forma de espada de luz e unha baliza de posición para permitir aos seus usuarios xogar a ser un cabaleiro jedi, e aínda que o Star Wars: Jedi Challenges tiña previsto chegar a primeiros deste ano a Europa a un prezo de 299,99 euros, finalmente o produto chegou estes días a un prezo bastante máis asumible: 199 euros.
Star Wars: Desafíos Jedi é unha aplicación de realidade aumentada que funciona cos mencionados accesorios de Lenovo, pero que precisa dun smartphone para funcionar (que hai que introducir no casco de realidade aumentada), sendo compatible tanto con Android como con iOS. Inclúe inicialmente a posibilidade de adestrar en combates de espadas contra opoñentes como Kylo Ren e Darth Vader; permite ver no chan dun cuarto un xogo de combate estratéxico e tamén permite gozar do holoxadrez que puidemos ver nos filmes de Star Wars.
Pero esta aplicación tamén recibirá actualizacións de balde, con novas batallas de espadas (permitindo loitar contra dous gardas pretorianos ao mesmo tempo), tres novos niveis de combate estratéxico, novo contido en modo asalto e a introdución dos porgs como recompensas en realidade aumentada.