El Correo Gallego

Tecnoloxía

Twitter prepárase para dicir adeus ao límite dos 140 caracteres

Un reducido grupo de usuarios xa pode escribir chíos de 280 caracteres en Twitter, dentro dun programa de probas que pretende facer máis doado o uso da plataforma.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 27.09.2017 
A- A+

Nos últimos anos Twitter foi evolucionando facilitando que os seus usuarios puideran escribir cada vez máis contido nas súas mensaxes mantendo o límite dos 140 caracteres grazas a deixar de contar dentro dese límite elementos como contidos multimedia, chíos citados ou incluso o nome do usuario ao que se responde, pero parece que finalmente a plataforma vai ser infiel aos seus principios, e a súa product manager, Aliza Rosen, publicou unha entrada no blog oficial da compañía advertindo que están a probar a posibilidade de publicar chíos de 280 caracteres.
Esta medida, que pode ter un impacto moi importante en todo o ecosistema de Twitter, está a xustificarse pola dificultade de ter que axustar moitas veces as mensaxes ao límite imposto, de xeito que os usuarios teñen problemas unha vez superan os 140 caracteres, xa que teñen que editar o texto para axustarse ao espazo dispoñible, algo que aseguran que non acontece con tanta frecuencia en idiomas como o xaponés, o chinés ou o corean, que poden recoller preto do dobre de información, desculpa que están a empregar precisamente para ofrecer 280 caracteres para os idiomas distintos dos 3 mencionados.
Polo momento o límite de 280 caracteres só está dispoñible para un grupo reducido de persoas, e precisamente anuncian estas probas para que sexamos conscientes do cambio que podería experimentar en breve Twitter, atendendo á frustración que o límite de 140 caracteres causaba a moitos usuarios, como demostra o feito de que en inglés o 9% dos chíos chegasen ao límite dos 140, mentres que en xaponés iso só acontecía co 0,4% dos chíos. Confían así que a ampliación do número de caracteres teña un impacto positivo, pero prefiren probalo primeiro, recompilar os datos da proba, recoller a reacción dos usuarios e, despois aplicar a medida de xeito xeral se consideran que facilita o uso de Twitter.