El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Twitter permitirá emitir vídeos en 360 graos

A través de Periscope será posible emitir vídeos envolventes en directo dende o móbil

MARCUS FERNÁNDEZ  | 30.12.2016 
A- A+

Agora que tanto YouTube como Facebook permite emitir vídeo en directo en 360 graos, Twitter non quere quedar atrás, e estreou a pasada noite vídeo en 360 a través de Periscope. Cando un vídeo de Periscope estea a transmitirse de xeito envolvente presentará un selo que porá LIVE 360, para indicar ao usuario que pode mudar o ángulo de visión tanto arrastrando co seu dedo sobre a pantalla do móbil como movendo o dispositivo móbil orientándoo cara a onde se quere ver durante a reprodución, ofrecendo así unha experiencia moi inmersiva que buscan que sexa de interese para que celebridades poidan amosar imaxes entre bambolinas de eventos exclusivos.
De feito, polo momento a retransmisión en 360 graos a través de Periscope non está aberta ao público xeral, senón que limítase a un grupo de partnersseleccionados, xa que estamos ante un servizo en probas.
No vídeo de demostración explican que as retransmisións en 360 dende Periscope poden facerse, por exemplo, cun iPhone equipado cunha cámara Insta360 Nano (que en España pode conseguirse por entre 185 e 240 euros), polo que non é unha funcionalidade que vaia converterse en masiva nin que teñan unha demanda urxente, pero a baixada de prezo deste tipo de hardware (a cámara Insta360 Air para Android custará algo máis de 100 euros) podería facilitar que durante 2017 o vídeo envolvente fose algo moi frecuente, que resulta especialmente atractivo dende móbiles e cascos de realidade virtual.