El Correo Gallego

Tecnoloxía

The Last Guardian xa está nas tendas de videoxogos

Esta produción de Fumito Ueda por fin ve a luz tras unha década en desenvolvemento

MARCUS FERNÁNDEZ  | 09.12.2016 
A- A+

Tras preto de 10 anos en desenvolvemento, o que parecía un xogo maldito que ano tras ano figuraba nas listaxes de vaporwareThe Last Guardian, por fin chegou ás tendas na súa versión para PlayStation 4, de xeito que os seareiros da obra de Fumito Ueda (ICO e Shadow of the Colossus) poden agora gozar dun novo título que volve apostar por un excelente deseño artístico e a transmisión de sentimentos durante a experiencia xogable.
Este novo título sitúanos nunha viaxe na que un mozo humano ten que unir forzas cunha mística criatura, colaborando para sobrevivir, tendo que resolver numerosos quebracabezas e tecendo unha amizade moi especial, na que o usuario terá que aprender a interactuar cun animal que atende a unha intelixencia artificial, de xeito que teremos o máis semellante que se veu nunca nun videoxogos ao que sería relacionarse realmente cun animal (que non atenden ás ordes cegamente de inmediato).

The Last Guardian pode mercarse xa en formato dixital por 59,99 euros, aínda que é máis probable que os xogadores máis interesados por este produto opten pola edición física, que inclúe un adhesivo e unha faixa polo mesmo prezo, ou incluso intente facerse coa edición para coleccionistas, que inclúe o xogo en caixa metálica, unha estatua de grande calidade, un libro de ilustracións de 72 páxinas, a banda sonora dixital (10 cancións), adhesivos e unha caixa para coleccionistas. Esta última versión ten un prezo oficial de 129,95 euros, pero é considérase esgotada, polo que as persoas que non a reservasen probablemente teñan que pagar máis do seu prezo orixinal para facerse con esta edición. Adicionalmente tamén está á venda un lote de PlayStation 4 Slim con 1 TB de disco duro e o xogo, que tamén busca atraer á PS4 a usuarios familiarizados coa obra de Ueda que aínda non desen o salto á nova xeración de consolas.
O lanzamento español de The Last Guardian veu acompañado por un mini-documental titulado #ElVideojuegoEsArte, no que participou a ilustradora galega Emma Ríos (da que veñen de publicar en España o tomo Bella Muerte 2. El Oso, editado inicialmente por Image para o mercado norteamericano, onde colleitou grande éxito), quen asegurou que «Fumito Ueda axudoume a entender cousas do meu propio traballo, a medrar como ilustradora», e chegou a facer unha poderosa ilustración a xeito de homenaxe de The Last Guardian.

Ilustración coa que Emma Ríos rende homenaxe a The Last Guardian