El Correo Gallego

Tecnoloxía

Surface Studio: o primeiro ordenador de sobremesa de Microsoft

A impresionante pantalla táctil abatible de 28 polgadas do Surface Studio é o soño de moitos deseñadores feito realidade.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 27.10.2016 
A- A+

O anuncio da Windows 10 Creators Update que chegará a primeiros de 2017 veu acompañado pola presentación de novo hardware da serie Surface, entre os que destacou especialmente o primeiro ordenador de sobremesa de Microsoft, o Surface Studio, que vén a ser un equipo todo-en-un baseado na tecnoloxía das tabletas Surface, pero adaptada ao uso no escritorio, converténdose na mellor solución comercial para multitude de creadores que poderán gozar dun equipo potente, versátil e cun deseño moi coidado que como grande desvantaxe ten un prezo bastante elevado.
Este novo equipo de Microsoft está equipado cunha impresionante pantalla táctil PixelSense de 28 polgadas cunha resolución de 4.500 x 3.200 píxeles sobre unha peaña abatible que dá grande liberdade á hora de orientar a pantalla e que incluso permite baixala até unha inclinación de 20 graos, disposición coa que buscaría converterse nun taboleiro ideal para debuxar, escribir a man ou deseñar sobre a pantalla.

O Surface Studio funcionará cun procesador Intel Core i5/i7, 8/16/32 GB de RAM, gráfica nVIDIA GeForce GTX 965M con 2 GB de memoria ou nVIDIA GeForce GTX 980M con 4 GB de memoria, unidade de disco híbrida de 1 ou 2 TB de capacidade, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, webcam de 5 Mpíxeles compatible con Windows Hello, micrófonos duais, altofalantes estéreo 2.1, 4 portos USB 3.0, lector de tarxetas SD, mini DisplayPort, lapis dixitalizador, teclado e rato.
O seu prezo sería de 2.999 dólares no seu modelo máis básico e chegaría aos 4.199 dólares no máis avanzado, chegando o primeiro aos EE.UU. a partires do 15 de decembro, mentres que o resto de modelos terían que agardar a primeiros de 2017, cando tamén se espera que esta gama de produto inicie a súa distribución internacional.