El Correo Gallego

Tecnoloxía

Splatoon 2 porá a proba o seu multixogador en marzo

Un dos xogos máis prometedores para Nintendo Switch celebrará 6 sesións de 59 minutos para comprobar o funcionamento do seu modo multixogador en liña.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 13.02.2017 
A- A+

Cando veu a luz o tráiler preliminar da Nintendo Switch, presentando ao mundo o novo concepto de consola de videoxogos, quedou clara a intención de Nintendo de apostar polos deportes electrónicos a través de Splatoon 2, xogo que verá a luz o vindeiro verán e do que veñen de anunciar que entre os días 24 e 26 de marzo contará cunha serie de sesións de proba para poder comprobar o funcionamento do seu xogo en liña.
O Splatoon 2 Global Testfire comezará o día 24 de marzo ás 20:00 horas, e facilitará a participación en media ducia de sesións de 59 minutos dispoñibles para todos os usuarios que conten cunha consola Nintendo Switch e instalen a demo de balde dispoñible na Nintendo eShop. As sesións do día 25 serán ás 4:00, 12:00 e 20:00 horas e finalmente o día 26 poderase xogar ás 5:00 e ás 13:00 horas, axudando a diversidade de horarios para que poidan achegarse ao xogo usuarios de distintas latitudes xeográficas.