El Correo Gallego

Tecnoloxía

Os smartphones con Android poden converterse en cámaras de 360 graos cun accesorio

Con Insta360 Air podemos disparar fotografías envolventes, gravar vídeo en 360 graos e incluso realizar retransmisións en directo que poden verse con cascos de realidade virtual.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 28.11.2016 
A- A+

A Insta360 Air é unha cámara que pode conectarse a xeito de pinza no noso smartphone, converténdoo nunha cámara de 360 graos dende a que podemos tomar instantáneas, gravar vídeo e incluso emitir en directo a través da Rede. Ten forma esférica (mide 39,5 milímetros de alto, ten un diámetro de 38 milímetros e pesa 26,5 gramos) e inclúe un par de cámaras ollo de pez de 210 graos que a cámara combina en tempo real nunha única imaxe envolvente de 3K (3.008 x 1.504 píxeles) podendo gravar vídeo a tal resolución nuns poucos smartphones potentes (como o Samsung Galaxy S7 ou o Huawei P9) mentres que no resto de teléfonos limitaría o vídeo a unha resolución de 2.560 x 1.280 píxeles (que segue a ser bastante máis resolución que a meirande parte das cámaras de 360 graos económicas, que normalmente limítanse a captar vídeo en Full HD). E calquera caso os vídeos capturaríanse a 30 imaxes por segundo.
Os contidos captados con este orixinal accesorio serían compatibles para compartir de xeito inmediato en Facebook, YouTube, Twitter, WhatsApp, Messenger e WeChat, e aseguran que o seu vídeo en directo funcionaría con calquera plataforma de vídeo en 360 que permite tal, incluíndo YouTube.
As cámaras Insta360 Air venderanse en 4 cores (negra, rosa, branca e dourada), integran estabilización de imaxe, facilitan a visualización de contidos en 4 modos (plano, esférico, little planet e estereoscópico para cascos de VR) a través da súa aplicación que tamén conta con ferramentas de edición e, como detalle máis curioso, poden conectarse a ordenadores persoais mediante un cable de extensión multi-funcional para facilitar a captura de vídeo ou a retransmisións en 360 graos por longos períodos de tempo.
Quen recorra a Indiegogo para facerse cunha Insta360 Air teraa dispoñible por a partires de 99 dólares (103,08 euros con gastos de envío incluído), o que sen dúbida é unha das solucións máis económica de gravar contido envolvente dende un smartphone con Android.