El Correo Gallego

Tecnoloxía

A semana que vén chegará ás tendas o Samsung Galaxy Note8

O novo teléfono de Samsung será o smartphone máis completo do mercado, con Pantalla Infinita, cámara traseira dual, resistencia á auga, recoñecemento de iris, carga rápida sen fíos, S Pen e a posibilidade de empregarse coma se fose un ordenador persoal conectado a unha pantalla externa.

Luis de la Peña presentou na Coruña o novo Galaxy Note8 - FOTO: Marcus Fernández
Luis de la Peña presentou na Coruña o novo Galaxy Note8 - FOTO: Marcus Fernández

MARCUS FERNÁNDEZ  | 07.09.2017 
A- A+

Durante a xornada de hoxe responsables de Samsung visitaron a cidade da Coruña para dar conta do próximo lanzamento do Galaxy Note8, un smartphone moi esperado que segundo previsións da compañía podería chegar a triplicar en volume de reservar ao seu predecesor, deixando clara a demanda que esta gama de dispositivos ten no mercado actual e confirmando que os lapis dixitalizadores para teléfonos móbiles continúan a ter partidarios.
Dado que o Galaxy Note 5 non chegou a comercializarse oficialmente en España e o Galaxy Note7 foi retirado do mercado por mor de problemas coa súa batería, os usuario que hai anos estaban moi satisfeitos co seu Galaxy Note 4 por fin teñen un sucesor, o que suporá un salto de xigante en todos os aspectos, xa que desta volta terán diante o que sen dúbida é o terminal máis avanzado do mercado.

O Galaxy Note8 ofrece a Pantalla Infinita máis grande do mercado (6,3 polgadas), nun formato alargado (18,5:9) que fai que o ancho do terminal non sexa excesivo, o que permite un agarre sólido e confortable; o S Pen soporta agora até 4.096 niveis de presión e ten unha precisión inédita na súa gama (destacando tamén por ser resistente á auga e ao po como o terminal, de xeito que incluso é posible empregalos conxuntamente baixo a auga); e a nivel de cámara tamén estamos ante o primeiro móbil de Samsung con cámara dual, optando desta volta a compañía surcoreana por combinar dúas cámaras de 12 Mpíxeles pero con angulares diferentes, de xeito que podemos escoller entre un obxectivo grande angular e un telefoto (equivalente a un zoom óptico de 2x), contando en ambos casos con estabilización óptica e podendo aproveitarse tal cantidade de información visual para disparar fotografías con enfoque selectivo, podendo axustarse a profundidade de campo a posteriori, ou sexa, que podemos manter o fondo dos nosos retratos enfocados ou axustar o nivel de desenfoque segundo a sensación que queiramos transmitir.

Este smartphone de grande potencia, 6 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, USB 3.1 (tipo C), batería de 3.300 mAh con carga rápida (por cable e sen fíos), NFC, lector de pegadas dixitais e lector de iris é un dispositivo difícil de igualar, especialmente se temos en conta que pode completarse con accesorios como a Samsung DeX Station, que permite que o smartphone achegue unha experiencia de uso propia dun PC, de xeito que podemos conectalo a un monitor ou televisor por HDMI e a un rato e un teclado para empregalo como un equipo informático tradicional, conseguindo así un escritorio portátil moi práctico, especialmente para usuarios viaxeiros que queiran montar a súa oficina persoal alí onde teñan unha pantalla externa a man. Este accesorio, á venda por 159 euros, ofrécese sen custo adicional aos usuarios que reserven o Note8 antes de rematar o vindeiro día 14, xa que o día 15 é cando asirá o novo smartphone de Samsung á venda a un prezo recomendado de 1.010,33 euros.

Aínda que o prezo deste dispositivo pareza moi elevado, dende Samsung teñen datos que apuntan a que os consumidores están cada vez dispostos a gastar máis cartos en smartphones de alta gama, como demostran os datos recollidos nun informe sobre a venda na provincia da Coruña de teléfonos de máis de 600 euros, que experimentaron un incremento do 3% de xeito que o seu prezo medio sería de 795 euros; aínda que da nosa provincia hai outro dato que poderiamos considerar máis rechamante: a demanda de smartphones con pantallas de máis de 5 polgadas entre 2016 e 2017 medou en máis de 109%.