El Correo Gallego

Tecnoloxía

Santiago e A Coruña acollerán os eventos de DataBeers Galiza

As cidades de Santiago de Compostela e A Coruña alternaranse como sede deste novo encontro trimestra ao redor do mundo dos datos.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 26.01.2017 
A- A+

Os datos está a mudar a nosa economía e a sociedade, e para incrementar a alfabetización nesta materia existe a organización sen ánimo de lucro DataBeers, que celebra eventos informais nos que unha serie de relatores contan historias ou expoñen proxectos nos que os datos son o ingrediente esencial dun xeito áxil e ameno. De feito, o formato adoptado para as presentación é o de PechaKucha, ou sexa, que as intervencións consistirán na sucesión de 20 imaxes durante 20 segundos cada unha, nas que non poderán presentarse fórmulas matemáticas complexas ou código de programación, xa que búscase principalmente un ton informal.
Os eventos DataBeers, como ben indica o seu nome, teñen un elemento secundario no que as cervexas actúan como lubricante social, de xeito que durante o encontro poderase degustar tal bebida de balde, contribuíndo así a xerar un bo ambiente. Actualmente celébranse eventos DataBeers en Madrid, Barcelona, Valencia, Euskadi, Londres, Venecia... e moitas outras cidades ás que se unirán en breve Santiago de Compostela e A Coruña. Teremos así DataBeers GLZ, un encontro trimestral que alternará sede entre as dúas cidades mencionadas, aínda que non desbotan incorporar outras cidades no futuro (de existiren organizadores nas mesmas).
Os organizadores de DataBeers Galiza son David Alayón, Mónica Quintana, Antonio Fraga e Cristian Gajete; e a primeira edición de DataBeers Galiza celebrarase o vindeiro 2 de febreiro ás 19:30 horas no bar Linda Rama, contando co patrocinio de Kiply. Os relatores serán José Higinio Cánovas Losada (Kiply), quen impartirá a charla titulada Qualified-self e autocoñecemento: a miña vida en datos; seguirao Edgar de León (Guud.tv) falando das conversas como nova interface; Luís Taboada (Qbitia) levaranos de Galicia a Wall Street en números; Javier Tarrío Saavedra (doutor en estatística na UDC) falará de Estatística na Industria 4.0; e, finalmente, Antonio Cotos (Ipglobal) impartirá un relatorio titulado IoT Data Industrial.
A inscrición ao evento é totalmente de balde a través de Eventbrite, sendo preciso reservar praza por limitacións de aforo.