El Correo Gallego

Tecnoloxía

Samsung presenta os seus novos smartwatches

Os reloxos Gear S3 permiten recibir notificacións do móbil, realizar chamadas, rexistrar a nosa actividade física e incluso escoitar música converténdose nun accesorio moi completo para quen quere vestir a tecnoloxía

Os Samsung Gear S3 facilitan a realización de pagamentos móbiles sen sacar o smartphone do peto
Os Samsung Gear S3 facilitan a realización de pagamentos móbiles sen sacar o smartphone do peto

MARCUS FERNÁNDEZ  | 31.08.2016 
A- A+

Samsung presentou hoxe o seu smartwatch Gear S3, que refórzase nos puntais do seu modelo predecesor, combinando un deseño tradicional con resistencia á auga (IP68), GPS, altofalante integrado e, nalgúns territorios, incluso con pagamentos móbiles e conectividade LTE. Para adaptarse a distintos perfís de usuarios chegarán en dous modelos: o Gear S3 classic, cunha aparencia elegante e minimalista; e o Gear S3 frontier, máis resistente (MIL-STD-810G) e pensado para actividades ao aire libre. En ambos casos os reloxos son compatibles con correas estándar de 22 milímetros, facendo doado que os usuarios os personalicen para adaptarse a distintas ocasións.
Un detalle salientable destes novos reloxos é que por primeira vez na familia Gear incorporan pantalla Corning Gorilla Glass SR+, especialmente deseñada para resistir rabuñaduras sen deslucir a impresionante pantalla Super AMOLED e AOD (Always On Display, ou sexa, que en vez de pór a súa pantalla en negro cando está fóra de uso presenta unha esfera que imita a aparencia dun reloxo analóxico de luxo) con 16 millóns de cores que supón un grande elemento diferencial fronte a outros smartwatches.
Os reloxos Gear S3, pese a ter pantalla táctil, apostan por facilitar a interacción xirando o bisel ao redor da súa esfera, de xeito que un usuario poderá aceptar ou rexeitar unha chamada sen tocar a pantalla, así como moverse polos seus menús dun xeito moi cómodo e preciso; aínda que outras das súas funcionalidades máis prácticas poderían ser o permitir escribir en pantalla mensaxes que se converterán automaticamente en texto.
O seu GPS integrado, xunto co alti-barómetro e o velocímetro permitirán empregar o reloxo para medir os adestramentos deportivos sen ter que empregar un voluminoso reloxo deportivo para tal fin e, de contarmos cun dos modelos do reloxo con LTE incluso poderiamos levar o teléfono no pulso e non perder unha chamada cando saiamos a practicar deporte.

As funcionalidades de voz son realmente prácticas grazas ao altofalante integrado, de xeito que poderá empregarse o reloxo para intercambiar mensaxes de voz ou incluso para escoitar música (aínda que este último detalle resulta moito máis cómodo e con máis calidade se nos valemos duns auriculares Bluetooth) e a batería do Gear S3 promete até 4 días de batería cunha única carga.
Ao integrar NFC o Gear S3 tamén poderá empregarse para realizar pagamentos sen ter que sacar o smartphone do peto para usuarios que gocen da tecnoloxía Samsung Pay, que promete estar dispoñible en case todos os bancos españois antes de rematar o ano, estando polo momento limitado a CaixaBank, Imagin Bank e Abanca.
No tocante ás súas especificacións o Samsung Gear S3 é un dispositivo wearable con pantalla circular Super AMOLED de 1,3 polgadas cunha resolución de 360 x 360 píxeles con Corning Gorilla Glass SR+, procesador de dobre núcleo a 1 GHz, sistema operativo Tizen 2.3.2, 768 MB de RAM, 4 GB de memoria interna, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, GPS, NFC, acelerómetro, xiroscopio, barómetro, pulsímetro, sensor de luz ambiental, micrófono, altofalante, motor de vibración, batería de 380 mAh con carga por indución e resistencia ao po e á auga (IP68). O modelo clásico mide 49 x 46 x 12,9 milímetros e pesa 57 gramos, mentres que o modelo deportivo ten as mesmas medidas, pero pesa 5 gramos máis, sendo este último o único modelo que integraría conectividade LTE nos países onde sexa posible contar con e-SIM (estándar que prevese que se acepte globalmente este mesmo ano).