El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Samsung presenta os seus novos móbiles insignia

Os Galaxy S9 e S9+ serán os novos referentes no mercado, especialmente no tocante ás súas cámaras.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 26.02.2018 
A- A+

Anticipándose á inauguración oficial do Mobile World Congress de Barcelona, Samsung realizou a presentación dos seus novos smartphones insignia, os Samsung Galaxy S9 e S9+, que supoñen unha interesante renovación destes produtos especialmente a nivel de cámaras, xa que incorporan innovacións salientables como un obxectivo con dobre apertura, gravación de vídeo a cámara super lenta e os chamados AR Emoji personalizados. Tamén destaca a integración de altofalantes estéreo AKG para conseguir unha experiencia de reprodución audiovisual máis inmersiva.
Os teléfonos presentados diferéncianse principalmente por contar con pantallas de distintas dimensións, de xeito que o S9 ten unha pantalla Quad HD+ de 5,8 polgadas, mentres que o S9+ leva a súa pantalla ás 6,2 polgadas. Pero o tamaño de pantalla non é o único cambio, senón que o S9+ tamén conta con maior capacidade de memoria RAM (6 en vez de 4 GB), maior batería (cunha capacidade de 3.500 mAh en vez de 3.000 mAh) e cunha segunda cámara traseira de telefoto (contando ambas cámaras con estabilización óptica de imaxe). No que a capacidades de almacenamento se refire, ambos móbiles poderanse adquirir en capacidades de 64, 128 e 256 GB ampliables mediante tarxetas microSD de até 400 GB, aínda que a dispoñibilidade dos distintos modelos dependerá dos mercados e os distintos distribuidores, como tamén acontecerá coas cores dispoñibles da súas carcasas, que poderán ser negras, gris, azul ou púrpura.
O novos teléfonos non esquecen moitas outras importantes prestacións, como Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, conector USB-C, lector de pegadas dixitais, escáner de iris, recoñecemento facial, carga rápida e carga sen fíos, resistencia ao po e á auga e a última versión de Android.
Cámaras revolucionarias
Os novos teléfonos de Samsung integran a primeira cámara integrada nun smartphone con apertura variable, de xeito que cando esteamos en ambientes ben iluminados poderemos disparar instantáneas cunha apertura f/2.4, mentres que en ambientes máis escuros poderemos empregar unha apertura f/1.5, coa que recóllese máis luz no sensor da cámara.
Os dispositivos tamén melloran a súa cámara lenta, integrando un modo que chega até os 960 cadros por segundo, conseguindo efectos realmente impresionantes, que logo podemos compartir en vídeo incorporándolle músiaca de fondo ou incluso en forma de imaxe GIF animada.
Samsung tamén considerou interesante reaccionar aos animoji de Apple, e presentou os seus AR Emoji, un sistema de avatares tridimensionais personalizados xerados a partires da cara do usuario e que poden imitar as súas expresións faciais para logo crear adhesivos animados que poder compartir nas distintas plataformas de mensaxería instantánea.
O asistente virtual de Samsung, Bixby, aínda que leva certo retraso no que ao recoñecemento de voz se refire, si está a evolucionar a nivel de recoñecemento de imaxe, de xeito que presume de ser capaz de realizar traducións de texto ou conversións de moeda directamente dende a cámara do móbil.
Un accesorio que tamén experimenta un importante cambio é o Samsung DeX, que permite conectar o móbil a unha pantalla para poder empregalo a xeito de ordenador persoal, e como grande novidade ten que agora permite que o teléfono conectado estea pousado en horizontal, de xeito que a súa pantalla pode aproveitarse a xeito de panel táctil.
Os Samsung Galaxy S9 e S9+ chegarán ao mercado nos seus modelos con 64 GB de almacenamento a prezos de 849 e 949 euros respectivamente, estando dispoñible nas tendas a partires do 15 de marzo, aínda que os que o reserven poderán recibilo xa o 8 de marzo.