El Correo Gallego

Tecnoloxía

Samsung Galaxy Note7, o smartphone que parece pensado para Galicia

O novo teléfono móbil de Samsung é resistente á auga e como novidade conta cun modelo coa carcasa de cor azul coral.

A compra anticipada do Galaxy Note7 prémiase cunhas Gear VR sen cuesto adicional
A compra anticipada do Galaxy Note7 prémiase cunhas Gear VR sen cuesto adicional

MARCUS FERNÁNDEZ  | 26.08.2016 
A- A+

O vindeiro martes, día 30 de agosto, será o último día para poder mercar anticipadamente o novo tabletófono de Samsung, o Galaxy Note7, aproveitando a promoción coa que por 859 euros, aparte de facernos co smartphone máis avanzado do mercado, recibiremos unhas Gear VR, accesorio que permite converter ao terminal telefónico nun casco de realidade virtual que achega a mellor experiencia VR sen fíos que polo momento está dispoñible comercialmente, converténdose nun excelente xeito de probar esta emerxente tecnoloxía que conta cada vez con máis contidos grazas principalmente ás novas posibilidades de gravación de vídeo en 360 graos.

Aínda que o lanzamento oficial do Galaxy Note7 non será a nivel europeo até o día 2 de setembro, dende Samsung aseguraron esta semana que en España teriamos que agardar ao 9 de setembro para velo nas tendas, o que parece ser consecuencia do grande volume de reservas que está a recibir o dispositivo, no que parece consecuencia do moito tempo sen ter en Europa un terminal da familia Note, xa que o último que tivemos dispoñible foi o Galaxy Note 4 de hai 2 anos (pois a compañía surcoreana considerou que o seu Note 5 carecía de sentido comercial no noso territorio).

Entre os accesorios para o Note7 hai unha funda que facilita a súa colocación sobre a mesa para, por exemplo, ver vídeos

Para quen se fixe nos números sorprenderalle que pasemos do Note 4 ao Note7, aínda que realmente só nos saltariamos o Note 6, pero isto é consecuencia de que hai poucos meses chegaron ao mercado os Galaxy S7 e S7 edge, e temían que o feito de que o 6 fose un número anterior ao 7 levase aos consumidores a entender que se trataba dun dispositivo vello, cando na práctica é case o mesmo hardware que o S7 edge, pero engadíndolle un par de detalles moi significativos: o lapis dixitalizador S Pen (que serve para realizar anotacións, debuxar e, en definitiva, controlar o smartphone sen usar os dedos) e un sistema de recoñecemento de iris (que supón unha interesante solución de identificación do usuario alternativa, que agradecerán especialmente os que queiran desbloquear o seu smartphone de xeito seguro cando non teñan os dedos nunhas condicións nos que as súas pegadas poidan empregarse efectivamente).

Sen dúbida, os usuario de anteriores teléfonos da familia Galaxy Note que fagan un uso práctico do S Pen estarán desexosos de facerse con este dispositivo pese ao seu prezo, porque realmente ofrece un conxunto de prestacións sen igual, pero incluso podemos engadir que no caso galego estamos ante un trebello aínda máis atractivo pois, tal e como se puido ver nunha presentación realizada esta semana por Samsung na Coruña, o Galaxy Note7 non só é resistente á auga, senón que o seu S Pen tamén goza de tal resistencia, podendo incluso empregarse sobre a pantalla do smartphone debaixo da auga.

Nunha presentación de Samsung celebrada na Coruña demostrouse como o Note7 pode usarse baixo a auga co seu S Pen

Se alguén pregunta se existe unha necesidade real de empregar un smartphone baixo a auga só podemos entender que, ou non é galego, ou pasa todo o inverno metido na casa, porque esta funcionalidade non se desenvolveu precisamente para empregar o teléfono na piscina, senón para que, en condicións nos que o dispositivo se molle (por exemplo, porque está chovendo a cántaros) poidamos empregar o S Pen para manexar o terminal (algo que cos dedos mollados tamén sería un problema en case calquera pantalla táctil). Temos así unha intelixente solución a un problema que vai moito máis aló dos mollados accidentais, e que xunto ao feito de que este smartphone estará dispoñible con carcasas de varias cores, entre as que destaca como novidade unha dun elegante ton azulado, levaríanos a dicir que os deseñadores de Samsung pensaron en Galicia á hora de proxectar este portento tecnolóxico.

Que o Note7 poida empregarse mollado grazas ao S Pen é unha prestación que agradecerán moitos galegos que poidan permitirse este terminal de alta gama

Aparte do mencionado, o Galaxy Note7 conta cunha pantalla Super AMOLED de 5,7 polgadas, batería de alta capacidade (3.500 mAh), posibilidade de ampliarlle a memoria interna con tarxetas microSD de até 256 GB, compatibilidade con Samsung Pay (tecnoloxía que en Galicia xa poden empregar os clientes de Abanca para pagar co móbil en milleiros de establecementos), unha das mellores cámaras móbiles do mercado (cunha extraordinaria apertura F1.7 que permítelle sacar magníficas instantáneas con pouca luz) e incluso a posibilidade de personalizalo con numerosas fundas funcionais que, aparte de protexer o trebello, tamén serven para incrementar a súa autonomía, engadir obxectivos á súa cámara, facilitar a súa colocación sobre a mesa ou engadirlle un teclado completo (para os nostálxicos de BlackBerry).