El Correo Gallego

Tecnoloxía

Samsung comercializa unha cámara profesional de 360 graos

A 360 Round integra 17 obxectivos para poder ofrecer vídeo envolvente estereoscópico de calidade que tanto pode gravarse como emitirse en directo a través da Internet.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 19.10.2017 
A- A+

Coa cámara Gear 360 a compañía surcoreana Samsung soubo crear un produto moi atractivo para a captación de imaxes envolventes que poder visualizar con cascos de realidade virtual dun xeito inmersivo, pero este produto claramente está destinado ao mercado de consumo, ou sexa, que non ten calidade dabondo para crear contidos profesionais, e para solucionar tal carencia presentan a 360 Round, unha nova cámara equipada con 17 obxectivos (8 pares de cámaras estéreo e un obxectivo adicional en vertical) coas que fan posible captar con grande detalle o que acontece ao seu redor de xeito estereoscópico (ou sexa, que o usuario verá en 3D en calquera ángulo), sendo incluso posible retransmitir vídeo en directo en 4K e con audio espacial, facilitando así que nos traslademos virtualmente á súa posición poder asistir remotamente a espectáculos en directo.
A 360 Round é unha cámara moi compacta, con certificación IP65 (resistente á auga e ao po) e, principalmente, cun prezo moi inferior ao das cámaras de 360 graos profesionais, o que xogará un papel importante na popularización das retransmisións de vídeo en 360 graos estereoscópicos.
Este trebello está equipado con 17 cámaras de 2 Mpíxeles con obxectivos con apertura f/1.8, integra 6 micrófonos internos para audio espacial e 2 tomas para micrófonos externos, conta con 40 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas SD de até 256 GB ou unidades SSD de até 2 TB e inclúe conectividade LAN e USB-C. Mide 205 x 205 x 76,8 milímetros, pesa 1,93 quilogramos e pode retransmitir e gravar vídeo en 3D ou 2D vídeos a 4.096 x 2.048 píxeles por cada ollo a 30 fotogramas por segundo.