El Correo Gallego

Tecnoloxía

Sae á venda o xogo Nioh para PS4

Este título exclusivo para PS4 lembra a grandes xogos como Ninja Gaiden e Dark Souls, ofrecendo intensos combates ambientados nun Xapón feudal ateigado de monstros sobrenaturais.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 08.02.2017 
A- A+

Aproveitando o pulo de xogos como Dark Souls sae hoxe á venda un novo desenvolvemento do Team Ninja, o agardado xogo Niohdispoñible na PlayStore por 59,99 euros, e que premiará aos que o merquen antes do 22 de febreiro cunha armadura de Mestre Carmesí, conxunto baseado no atavío de batalla do lendario samurai Yukimura Sanada.
Nioh é un xogo de rol e acción no que viaxaremos até o período Sengoku, era na que as terras nipoas foron arrasadas por reinos combatentes e forzas escuras e malévolas, encarnando ao samurai sen mestre William, que terá que abrirse paso por onde vai, participando en brutais combates corpo a corpo empregando espadas, machadas, lanzas e incluso martelos de guerra para acabar con inimigos, que serán tanto humanos como demos.
O xogo pretende que vaiamos aprendendo de cada erro, de cada morte, de xeito que con cada resurrección estaremos máis preparados para derrotar aos inimigos, de xeito que a mestría neste xogo conseguirase cunha combinación de habilidade e paciencia.
Cómpre destacar que Nioh é un xogo optimizado para PlayStation 4 Pro, de xeito que os que conten con máis potente consola de Sony poderán gozar duns gráficos de maior resolución e unhas animacións con maior velocidade de fotogramas, podendo o usuario gozar deste título en catro modos diferente, combinando modo película (30 fotogramas por segundo) e acción (60 fotogramas por segundo) e resolución Full HD ou 4K.