El Correo Gallego

Tecnoloxía

O Redmi Note 4 terá procesadores Qualcomm

A versión comercializada na India dun dos supervendas de Xiaomi funciona cun procesador Snapdragon 625, até 4 GB de RAM e un mínimo de 32 GB de almacenamento interno.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 19.01.2017 
A- A+

O pasado verán o fabricante chinés Xiaomi presentou o seu Redmi Note 4, un dos dispositivos móbiles de maior éxito dentro dos smartphones de 5,5 polgadas polas súas elevadas prestacións, o seu coidado deseño, a súa boa fabricación e o seu prezo reducido (vendíase por entre 899 e 1.199 iauns, ou sexa entre 123 e 164 euros), pero sen mudar o seu nome o produto está a renovarse dun xeito bastante atractivo no seu lanzamento na India, que terá lugar o vindeiro día 23, de xeito que non serán poucos os que a partires da semana que vén perseguirán este modelo de teléfono en vez da versión chinesa.
O Redmi Note 4 que porase á venda na India, ao igual que o modelo chinés, contará cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, dobre SIM e batería de 4.100 mAh, pero cunha mellora importante no seu procesador (que agora será un Qualcomm Snapdragon 625) e incrementando a súa memoria de xeito que a capacidade mínima de almacenamento serán os 32 GB e a máxima de RAM de 4 GB.
Temos así un modelo con 2 GB de RAM e 32 GB de almacenamento a 9.999 rupias (138 euros), con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento a 10.999 rupias (151 euros) e con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento por 12.999 rupias (179 euros). Se ben estamos ante uns prezos superiores que o modelo chinés, a diferenza é moi cativa con respecto á mellora de especificación.