El Correo Gallego

Tecnoloxía

Os Redmi 4 de Xiaomi saen á venda a prezos moi agresivos

Os novos smartphones de entrada de Xiaomi ofrecen boas prestacións, elegante deseño e boa autonomía por prezos que en China estarían entre os 66 e os 120 euros.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 04.11.2016 
A- A+

Os smartphones de entrada de Xiaomi evolucionaron nos últimos meses até converterse nos grandes referentes de mercado para os usuarios que queren móbiles accesibles cun bo deseño, unhas boas prestacións técnicas e, moi especialmente, unha boa autonomía, e agora esta familia de teléfonos estrea xeración, e xa temos o novo abano de terminais Redmi 4, que serían unha das actualizacións máis interesantes do fabricante chinés.
Dos novos teléfonos chama poderosamente a atención o Redmi 4 Pro, que presumiría dunha pantalla IPS Full HD de 5 polgadas (característica normalmente reservada a dispositivos de alta gama, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 625 de 8 núcleos a 2.0 GHz, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, sensor de pegadas dixitais, unha xenerosa batería de 4.100 mAh con carga rápida, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, corpo metálico en cor dourada, prata ou gris, un grosor de 8,9 milímetros e un peso de 156 gramos que consegue moderar o seu prezo, quedando en 899 iuans (119,63 euros). Este impresionante smartphone 4G funciona con MIUI 8, sistema operativo baseado en Android 6.0.
Os consumidores que non sexan tan esixentes, poden facerse cunha versión máis básica, o Redmi 4, que baixa a resolución da súa pantalla até os 720p, o seu procesador até un Qualcomm Snapdragon 430 de 8 núcleos a 1,4 GHz, a súa RAM a 2 GB, a súa capacidade de almacenamento interno a 16 GB e o seu Bluetooth á versión 4.1, elementos que permítenlle que poida venderse a só 699 iuans (92,87 euros), de xeito que posiblemente sexa o supervendas desta nova xeración.

Pero o axuste de prezo non queda aí, e Xiaomi sorprende cunha versión aínda máis básica, o Redmi 4a, que mantería o corpo metálico (en cor dourada ou ouro rosa) eliminando o lector de pegadas dixitais, reducindo o procesador a un Qualcomm Snapdragon 425 de 4 núcleos a 1,4 GHz e a súa batería a 3.120 mAh, pero gañando un deseño máis fino (só 8,5 milímetros de grosor) e lixeiro (132 gramos de peso). Estamos ante o que sen dúbida é un dispositivo máis que suficiente para a meirande parte dos usuarios, destacando por venderse en China a só 499 iuans (66,30 euros).