El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Publican as especificacións da futura consola de Microsoft

Digital Foundry adianta as prestacións técnicas da Xbox One que sairá á venda antes do Nadal froito do Project Scorpio

MARCUS FERNÁNDEZ  | 06.04.2017 
A- A+

Microsoft anunciara que esta semana ía adiantar numerosos detalles técnicos da súa seguinte Xbox coñecida co nome en chave Project Scorpio, e finalmente foi a xente de Digital Foundry a encargada de visitar o campus de Microsoft en Redmond para coñecer de primeira man os detalles da nova consola para contarllos ao mundo, nun paso sen precedentes na industria, especialmente porque aínda faltan semanas para a feira E3 e porque a consola non chegará ao mercado até finais de ano (tendo o seu obxectivo fixado na campaña de Nadal).
A xente que puido achegarse ao proxecto quedou impresionada non só pola forza bruta do equipo, senón tamén polo seu nivel de optimización, que fai que dean o mellor de si os motores que empregan os xogos actuais, á vez que desenvolve unha potencia como nunca se veu nunha consola de videoxogos que consegue manter un corpo compacto e incluso integrar o transformador de corrente (fuxindo do vello ladrillo de anteriores Xbox). Incluso comentan que a nivel de eficiencia enerxética fai un magnífico traballo, sendo a mellor Xbox a este respecto, o que parece ser certo se realmente chega ao mercado cunha fonte de alimentación de 245 watts (xa que a P$4 Pro, cun desempeño inferior, precisa de até 310 watts para funcionar).
Con Scorpio falamos dunha consola que chega aos 6 TFLOPS grazas ao seu procesador de 8 núcleos, a súa gráfica personalizada e ao uso de 12 GB de memoria GDDR5, de aí que sexa capaz de correr unha versión de demostración de Forza Motorsport a 4K nativos a 60 cadros por segundo estables, aínda que os usuarios que empreguen a consola a Full HD tamén poderán gozar da súa potencia gráfica xa que presentará numerosos melloras visuais e, por suposto, unha taxa de fotogramas máis alta e estable.
A consola tamén chegará equipada cun disco duro de 2,5 polgadas e 1 TB de capacidade e a súa unidade de reprodución de Blu-ray será capaz de amosar películas en ultra alta definición (algo que non fai a PS4 Pro). A consola tamén mellora o largo de banda da memoria e incluso do disco duro, mellorando tantos elementos que o salto entre o novo equipo e a Xbox One será moi importante, superando sobradamente ao conseguido por Sony coa PS4 Pro ao facer que o 4K nativo sexa algo real e non unha anécdota.
Non parece que a futura Xbox vaia decepcionar a ninguén coa súa potencia, pero quedará por ver se o seu prezo non se converte nun atranco para a súa venda, xa que coméntase que podería estar no contorno dos 500 euros, aínda que cómpre lembrar que equipos informáticos con capacidades semellantes custan actualmente o dobre de tal cantidade.