El Correo Gallego

Tecnoloxía

Pokémon Go prepara a súa grande actualización

O popular xogo de Niantic e a Pokémon Company quere volver a pórse de moda no verán, polo que inicia cambios para estrear as incursións nos ximnasios.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 19.06.2017 
A- A+

Durante a xornada de hoxe os ximnasios do xogo Pokémon Go botaron o peche temporalmente para preparar a meirande actualización do xogo dende o seu lanzamento, o que pode supor un grande pulo para unha aplicación móbil que para moitos xa pasara ao esquecemento, xa que en breve os adestradores Pokémon de todo o mundo poderán participar nunha experiencia renovada que incluirá a posibilidade de xuntarse con outros adestradores para loitar contra poderosos Pokémon na nova característica de Incursión.
Os ximnasios van experimentar un cambio radical, de xeito que permitirán xirar o Fotodisco para adquirir obxectos como nas Poképaradas, pero tamén mudarán o xeito de organizarse, de xeito que xa non se basearán en prestixio e formación, senón que terán 6 posicións permanentes que poderán completarse cos Pokémon do equipo en control (que deben ser diferentes) e os equipos opostos poderán loitar cos Pokémon na orde na que se asignaron ao ximnasio.
A actualización que recibirá Pokémon Go tamén conta cun novo sistema de motivación, de xeito que cando se asigna un Pokémon a un ximnasio, amosarase un medidor de motivación que irá caendo co tempo ou ao perder batallas, sendo cada vez máis susceptibles de seren derrotados, polo que os adestradores deberán procurar manter a motivación dos Pokémon alimentándoos con bagas, xa que de caer a motivación a cero o Pokémon abandonará o ximnasio e volverá ao seu adestrador.
Tamén poderase gañar medallas de ximnasio ao interactuar con varios ximnasios de todo o mundo, de xeito que teremos recordos das aventuras no xogo e tamén servirán para representar a contribución que cadaquén fai ao éxito dun ximnasio.

A grande novidade, a función de Incursión, consistirá nunha experiencia cooperativa de xogo que anima a traballar virtualmente con outros adestradores para derrotar a Pokémon extremadamente poderosos (os coñecidos como xefes da incursión). Antes de comezar unha incursión os Pokémon asignados ao ximnasio volverán aos adestradores e un ovo grande aparecer sobre o ximnasio e, tras unha conta atrás, revelarase o xefe da incursión ao que haberá que derrotar. Para poder participar será preciso contar cun pase de incursión (os xogadores recibirán un pase de balde cada día visitando un ximnasio, aínda que tamén será posible mercar pases na tenda do xogo). En cada incursión poderemos contar coa axuda de até 20 adestradores e, se derrotar ao xefe da incursión en 5 minutos teremos a oportunidade de capturar un Pokémon máis forte do normal. Tamén se recibirán recompensas entre as que hai numerosos obxectos novos.
Tras a parada por mantemento dos ximnasios haberá que agardar varias semanas para poder gozar das incursións, que chegarán gradualmente aos ximnasios de todo o mundo.