El Correo Gallego

Tecnoloxía

Podo, unha cámara Bluetooth adhesiva

Esta cámara sen fíos pode pegarse en superficies planas para disparar fotografías dende o móbil dun xeito único. // A cámara Podo é unha interesante alternativa aos paus de selfie.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 23.09.2016 
A- A+

Tras ter un grande éxito o ano pasado en Kickstarter con Podo, unha cámara que pode adherirse a múltiples superficies para dar unha nova perspectiva á fotografía móbil, dende Podo Labs repiten a xogada e inician agora a campaña de micromecenado para facer realidade unha revisión de Podo, mellorando o produto e ofrecéndoo por só 49 dólares (60 euros cos gastos de envío incluídos).
A secuela de Podo é unha cámara de pequeno tamaño, que podemos controlar dende o smartphone (co que conecta a través de Bluetooth e dunha aplicación móbil) e que, ao poder pegarse en moitas superficies (ten un panel adhesivo nun mecanismo de bisagra que recupera a adherencia con simplemente lavalo con auga), facilita a creación de fotografías dende ángulos incribles ou, simplemente, fuxindo das tomas propias dos paus de selfie.
O Podo ten un sensor de 5 Mpíxeles (cun tamaño de píxel de 2,2 μm, ou sexa co dobre de tamaño que a versión anterior) cunha lente de grande angular, integra 8 GB de almacenamento, pode captar vídeo a 720p e 30 imaxes por segundo, a súa batería recargable ten autonomía para gravar até 1,5 horas de vídeo, mide 3 x 3 x 4,5 centímetros e pesa 43 gramos. Amais conta con varias opcións de funcionamento: foto (para disparar unha instantánea), vídeo (gravar vídeo a 720p empregando o audio do micrófono do smartphone), lapse (para facer vídeos en time lapse), multi (permitindo capturar momentos empregando até 6 cámaras Podo conectadas ao mesmo smartphone, para así poder pegalas logo conseguindo unha visión inmersiva), booth (que simula un fotomatón) e solo (para poder disparar fotografías mediante un temporizador ou mediante controis xestuais).
Aínda que os primeiros compradores recibirán a súa nova cámara antes do Nadal, quen sexa mecenas da nova Podo non recibirán a súa recompensa até o mes de febreiro.