El Correo Gallego

Tecnoloxía

Oppo prepara un smartphone con dobre cámara frontal

O Oppo F3 Plus destaca por incluír dúas cámaras para selfies que se seleccionan en función de se queremos realizar un autorretrato individual ou de grupo.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 23.03.2017 
A- A+

Un dos meirandes fabricantes de smartphones do mercado chinés (que tamén distribúe os seus produtos oficialmente en Europa), Oppo, vén de presentar o seu novo teléfono orientado claramente aos amantes dos selfies, o Oppo F3 Plus, que sorprende por vir equipado con dobre cámara frontal: unha de 16 Mpíxeles para autorretratos individuais e outra de 8 Mpíxeles e un angular de 120 graos para fotografías de grupo. A cámara traseira tamén é igualmente notable, xa que estamos ante un sensor IMX398 de Sony de 16 Mpíxeles cunha apertura f/1.7, cun sistema de enfoque dual PDAF e flash de dobre ton, conseguindo así unhas magníficas instantáneas incluso con pouca luz e sendo capaz tamén de gravar vídeo en ultra alta definición.
O Oppo F3 Plus funciona cun procesador Qualcomm 653 de 8 núcleos con gráfica Adreno 510, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB), pantalla Full HD IPS de 6 polgadas cun marco de só 1,78 milímetros, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, dobre SIM, lector frontal de pegadas dixitais, batería de 4.000 mAh con carga rápida, sistema operativo ColorOS 3.0 (baseado en Android 6.0), un grosor de 7,35 milímetros e un peso de 185 gramos.
Este impresionante teléfono sairá á venda o vindeiro día 31 e o seu prezo na India será de 30.990 rupias (440 euros).