El Correo Gallego

Tecnoloxía

Oculus traballa nunhas luvas para interactuar coa realidade virtual

Mark Zuckerberg desvelou as luvas VR nas que están a traballar nos laboratorios de Oculus

MARCUS FERNÁNDEZ  | 10.02.2017 
A- A+

Mark Zuckerberg visitou hoxe os laboratorios de investigación de Oculus en Redmond (Washington) onde están a traballar para mover as barreiras das realidades virtual e aumentada, ou sexa, que desenvolven tecnoloxías que vai moito máis aló do casco Oculus Rift, como o seguimento da mirada, a realidade mixta ou novos xeitos de mapear o corpo humano. Confían en que o futuro achegue lentes de realidade virtual e aumentada que sexan tan pequenas como para poder levalas a todas partes, e que o seu software permita interactuar co mundo virtual do mesmo xeito que facemos co mundo real.
Está claro que esta aposta de Zuckerberg é a moi longo prazo, pero a visita que ilustrou hoxe cunha serie de fotografías serviu para dar a coñecer un accesorio moi prometedor: unhas luvas que permiten que o usuario poida debuxar, teclear nun teclado virtual ou incluso disparar teas de araña coma se fose Spider-Man. Teriamos así unha solución para un dos grandes atrancos que presenta a realidade virtual: interfaces de uso pouco naturais, como mandos de consolas de videoxogos, que poden resultar prácticos para xogos inmersivos, pero fracasan ao querer crear unha experiencia realista.