El Correo Gallego

Tecnoloxía

Novas PlayStation 4 para o que resta de ano

Sony anuncia unha PS4 máis delgada e outra con gráficos de ultra alta definición

MARCUS FERNÁNDEZ  | 07.09.2016 
A- A+

Sony organizou esta tarde un evento chamado PlayStation Meeting no que esperábase a presentación de novos modelos de consolas de videoxogo que actualizasen a xeración actual, e os prognósticos cumpríronse, aínda que cunha proposta máis tímida do que moitos demandaban.
Por unha banda temos que a PlayStation 4 estándar vai renovarse a partires do 16 de setembro por un modelo máis delgado e lixeiro, que terá un prezo de 299,99 euros. Concretamente a nova PlayStation 4 ocupa un 30% menos, reduce o seu prezo un 16% e tamén baixa o seu consumo enerxético nun 30%. Temos así a natural consola Slim á que Sony nos ten afeitos dende a súa PlayStation 2.
Máis importante sería o anuncio da PlayStation 4 Pro, que chegará ás tendas o 11 de novembro a un prezo de 399,99 euros, e que suporá a mellora dos xogos de PlayStation 4 ao permitir imaxes de resolución 4K e con HDR, así como unhas taxas de refresco máis suaves, ou sexa, que grazas a unha gráfica moito máis potente conseguirase que os xogos se vexan aínda mellor (especialmente se temos un televisor de ultra alta definición).
A nova consola de maior potencia será compatible cos xogos anteriores de PlayStation 4, sendo preciso que en moitos casos haxa que descargar un parche para que melloren automaticamente ao xogarse na nova máquina, aínda que os futuros lanzamentos xa incorporarían as melloras no propio disco, estando confirmado que aproveitarán o novo hardware títulos como Call of Duty: Infinite Warfare, Horizon: Zero Dawn, Mass Effect: Andromeda e Days Gone.
No caso de que non contemos cun televisor de ultra alta definición tamén beneficiarémonos da potencia adicional, conseguindo que todos os xogos funcionen a Full HD e cunha taxa de fotogramas superior, aínda que un televisor UHD sería máis que recomendable para a PS4 Pro, xa que non só empregaría o seu hardware para os xogos, senón que tamén o aproveitaría para o vídeo, e concretamente están a prepararse aplicacións oficiais de Netflix e YouTube que aproveiten o 4K e o HDR da nova consola.
Na presentación da PS4 Pro o máximo responsable da división de videoxogos de Sony, Andrew House, destacou que no momento de lanzamento da nova consola Netflix xa contará con 600 horas de contidos en 4K con HDR, de xeito que os que combinen a consola de alta gama cos televisores compatibles con esta tecnoloxía poderán gozar dunha calidade de imaxe impresionante.
elUn detalle a salientar é que, o elemento que consideran que vai marcar a diferencia para a meirande parte dos usuarios, o HDR, non será exclusivo da PS4 Pro, senón que chegará incluso ás primeiras PS4 a través dunha actualización de firmware (aínda que teremos que ter un televisor compatible para poder tirar proveito da funcionalidade).
Afondando nas especificacións, a nova PlayStation 4 (CUH-2000) ten un procesador AMD Jaguar de 8 núcleos, gráfica AMD Radeon que consegue chegar aos 1,84 TFLOPS, 8 GB de GDDR5, Wi-Fi AC (os modelos anteriores viñan con Wi-Fi N), Bluetooth 4.0 (os modelos anteriores viñan con Bluetooth 2.1) e un consumo máximo de 165 watts, mentres que a PlayStation 4 Pro (CUH-7000) cambia practicamente na súa gráfica (que agora chegaría até os 4,20 TFLOPS) e cun consumo máximo de 310 watts, ou sexa, que parece razoable pensar que o grande cambio que se esperaba da PS4 quedou nunha simple actualización da súa tarxeta gráfica, o que permitirá que non se teña que facer un cambio de xeración de consolas real, pero si unha mellora gráfica moi demandada (que agradecerán especialmente os usuarios de PlayStation VR), iniciando un curioso sendeiro das consolas de Sony no que se explora a renovación parcial de hardware como solución para evitar o lastre de plataformas con varios anos de vida.