El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Nokia presenta os seus novos teléfonos

Barcelona foi o escenario elixido pola marca Nokia para dar a coñecer os seus 3 smartphones e a versión renovada do seu clásico Nokia 3310.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 27.02.2017 
A- A+

Ante a ausencia de xigantes como Samsung e Apple no Mobile World Congress de Barcelona nos últimos días resultaba evidente que o interese se centraba nunha marca en concreto, non por relevancia, senón por curiosidade e nostalxia, o que HMD Global soubo manexar ben, aproveitando a cita para presentar os novos teléfonos da marca Nokia, de xeito que, coa desculpa do lanzamento dunha versión renovada do clásico Nokia 3310 amosáronse ao público 3 novos modelos de smartphone con Android que buscarán facerse un oco nun mercado saturado no que Nokia é un xogador novato.
Pese a que rumoreábase que HMD Global podería levar a Barcelona un suposto Nokia 8 de alta gama, finalmente non foi así, e limitáronse a manter como tope de gama o Nokia 6, teléfono presentado hai preto de dous meses e que estaba dirixido ao mercado chinés, e que finalmente será global.

Nokia 6

O smartphone de HMD Global que máis encaixa nas tendencias actuais é sen dúbida o Nokia 6, coa súa pantalla Full HD de 5,5 polgadas e a súa cámara traseira de 16 Mpíxeles con enfoque automático e detección de fase (e flash de dobre ton), e a súa cámara frontal de 8 Mpíxeles, aínda que o seu fabricante insiste en que o importante deste terminal é a calidade da súa construción, cun acabado de metal moi coidado e dispoñible en 5 cores distintas.
O corpo do Nokia 6 tarda 55 minutos en fabricarse nunha única peza de aluminio partindo dun bloque sólido de metal, e tamén a súa pantalla Corning Gorilla Glass contribúe a dotalo dunha grande resistencia, aínda que non só a súa robusta construción é un detalle a salientar, senón que tamén é de agradecer que opten por unha versión de Android actualizada e limpa, de xeito que non só teremos Android 7 (co Asistente de Google), senón que carece de capas adicionais buscando poder así ofrecer actualizacións regulares en características e seguridade.
A nivel de especificacións o produto non destaca tanto, pois confórmase cun procesador Qualcomm Snapdragon 430, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de até 128 GB), NFC, batería de 3.000 mAh e lector de pegadas dixitais, características superadas por moitos smartphones bastante máis económicos, e como curiosidade, venderase tanto en versións con dobre SIM como con unha única SIM. O prezo recomendado deste dispositivo será de 229 euros, aínda que tamén haberá unha edición limitada en negro con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno que venderase a 299 euros.

Nokia 5

Buscando chegar a un público máis amplo, e ofrecendo un tamaño máis compacto e cómodo para a man, o Nokia 5 chega cunha pantalla de 5,2 polgadas, ofrecendo tamén unha boa fabricación e unha versión de Android pura, pero reducindo considerablemente as especificacións, de xeito que a súa pantalla é simplemente de alta definición (1.280 x 720 píxeles), queda con 2 GB de RAM, o seu almacenamento interno confórmase con 16 GB e a súa cámara traseira tamén baixa até os 13 Mpíxeles. A redución de prestacións vén acompañada por un prezo bastante axustado (189 euros) polo que pode converterse en todo un supervendas, de conseguir volver a pór de moda a marca Nokia.

Nokia 3

O gama baixa da compañía sería o Nokia 3, que reduce a súa pantalla até as 5 polgadas, a cámara traseira aos 8 Mpíxeles e a batería a 2.650 mAh, conseguindo reducir tamén custos ao optar por un procesador MediaTek 6737, concesións que permitirán que este teléfono custe 139 euros, prezo que podería ser o suficientemente axustado para convertelo nun bo terminal de entrada.

Nokia 3310

Pero o teléfono polo que máis curiosidade había en todo o Mobile World Congress é a versión renovada do Nokia 3310, principalmente por considerarse unha ousadía o lanzamento dun teléfono parvo a estas alturas da vida, aproveitando a nostalxia que pode existir pola marca Nokia nos tempos nos que era un fabricante de referencia.
Falamos dun teléfono básico que permitiría falar até 22 horas e aguantaría até un mes en espera, e que custará 49 euros, estando a súa estética inspirada no modelo orixinal, pero contando cunha pantalla de 2,4 polgadas curvada e de cor, o que fará que incluso o xogo da serpe estea actualizado. Iso si, o feito de que esteamos ante un teléfono que se conforme cunha cámara de 2 Mpíxeles e conectividade GPRS, si conta con radio FM e reprodutor de MP3 (a música pode cargarse mediante tarxetas de memoria de até 32 GB, que tamén sería onde se almacenarían as fotografías ante os ridículos 16 MB de almacenamento que ten este trebello).
Queda agora por ver se realmente este teléfono móbil ten demanda real como dispositivo de comunicación ou convértese nun mero obxecto de colección, pois en moitos mercados un móbil sen aplicacións como WhatsApp non resulta aceptable, e polo prezo deste dispositivo existen smartphones de gama baixa.