El Correo Gallego

Tecnoloxía

O Nokia 7 busca chegar ao público cun prezo contido

Tras o carísimo Nokia 8, HMD Global presenta un Nokia 7 cun prezo máis axustado, conservando bo deseño e boas prestacións.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 19.10.2017 
A- A+

A volta da marca Nokia ao mundo dos smartphones víase inicialmente con certa ilusión, pero a súa entrada nos móbiles de gama media-alta foi un tanto decepcionante, xa que o Nokia 8, pese ás súas prometedoras especificacións, chegou a un mercado a un prezo totalmente disparatado (uns 599 euros), o que parece que está en vías de solución grazas ao lanzamento dun terminal bastante máis accesible, o Nokia 7.
Este novo terminal de fabricación chinesa aposta por un procesador Qualcomm Snapdragon 630 e cámaras ZEISS que recuperan o concepto de bothie que quixo popularizar o Nokia 8 (que consiste en disparar simultaneamente as cámaras frontal e traseira para conservar ambas caras da historia). Tamén busca que a súa estrutura de aluminio sexa un detalle que contribúa á súa resistencia e deseño, converténdose nun terminal robusto e atractivo.

Aínda que o Nokia 7 chega de fábrica con Android 7.1.1, está previsto que reciba en breve Android 8, así como actualizacións de seguridade mensuais.
No que respecta ás súas especificacións, falamos dun smartphone con 4/6 GB de RAM, 64 GB de almacenamento ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB, pantalla IPS Full HD de 5,2 polgadas, cámara traseira de 16 Mpíxeles e apertura f/1.8 co flash de dobre ton e cámara frontal de 5 Mpíxeles con apertura f/2.0, batería de 3.000 mAh recargable por USB-C, NFC, Bluetooth 5 e un grosor de 7,92 milímetros (do que a cámara traseira sobresae 1,2 milímetros).
Sairá á venda o día 24 en China a un prezo de 2.499 iuans (319 euros) para o modelo con 4 GB de RAM e de 2.699 iuans (345 euros) para o modelo con 6 GB de RAM.