El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

A Nintendo Switch chega ás tendas

A nova consola de Nintendo sae á venda apostando por combinar o concepto de sobremesa e portátil nun único dispositivo.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 04.03.2017 
A- A+

Nintendo Switch chegou hoxe as tendas, pero o feito de que fose posible reservar a nova consola de Nintendo o número de unidades que podemos atopar no mercado é moi reducido, o que xa se notou hai horas no Xapón, onde formáronse grandes colas antes os establecementos máis coñecidos para ter que pendurar ao pouco o cartel de unidades esgotadas, xa estamos ante unha das consolas con maior demanda dende o lanzamento da primeira Wii, en boa medida porque a nova máquina chega acompañada por un grande xogo, The Legend of Zelda: Breath of the Wild.
Onte mesmo liberouse o embargo para as análises do último xogo de Zelda, e a valoración dos medios especializados en videoxogos de todo o mundo foi unánime, conseguindo unha puntuación media de 98 sobre 100, de xeito que podería converterse nun dos xogos con maior puntuación da historia, superando incluso a The Legend of Zelda: Ocarina of Time, considerado por moitos como o mellor xogo da historia.

A Nintendo Switch é unha consola que pode conectarse por HDMI ao televisor a través dunha base, pero que tamén pode empregarse como consola portátil xa que conta cunha pantalla táctil capacitiva de 6,2 polgadas de alta definición. Os xogos poden cargarse en pequenos cartuchos, así como instalarse na propia consola (para o que recoméndase a adquisición dunha tarxeta de memoria para ampliar o seu almacenamento interno duns moi limitados 32 GB), mentres que o control está baseado nuns mandos extraíbles chamados Joy-Con, que serven para ofrecer un control completo a dúas mans, ou para repartirse entre dous xogadores para poder gozar de modos de xogo colaborativos e competitivos, aínda que para certos xogos será recomendable o emprego dun mando Pro na liña dos gamepads que teñen o resto de consolas domésticas e que resultará especialmente de utilidade para os xogos que fagan un uso intensivo da cruceta (ausente nos Joy-Con).
A Nintendo Switch cos Joy-Con acoplados mide 239 x 102 x 13,9 milímetros e pesa 398 gramos, ten conectividade Wi-Fi AC e Bluetooth 4.1 (sendo posible conectala por cable Ethernet mediante un adaptador) e a súa batería de 4.310 mAh pode cargarse mediante USB-C (o que facilita o uso de baterías externas cando se estea lonxe de tomas de corrente). Destaca o feito de que poida xogarse con consola en 3 disposicións diferentes: conectada ao televisor, situada sobre a mesa (cos Joy-Con separados) e en modo portátil (cos Joy-Con conectados). O seu prezo de venda oficial é de 329,99 euros, e aínda que en moitos mercados hai problemas para facerse con ela, en Galicia resulta bastante doado atopar unidades en establecementos físicos.