El Correo Gallego

Tecnoloxía

Á venda en marzo de 2017

Nintendo anuncia unha consola de videoxogos híbrida entre doméstica e portátil

A Nintendo Switch pode empregarse conectada ao televisor do salón ou de xeito independente // A consola integra unha pantalla de 7 polgadas de alta definición e utiliza xogos en cartucho

MARCUS FERNÁNDEZ  | 21.10.2016 
A- A+

Tras moitos meses de espera confirmáronse os rumores ao redor do que será a vindeira consola de videoxogos de Nintendo, que será un híbrido entre consola de doméstica e portátil, que responderá ao nome de Nintendo Switch. Este anuncio chegou a través dun vídeo promocional que foi moi ben recibido en boa medida porque a espera pola nova consola non será moi longa, xa que a nova máquina verá a luz o vindeiro mes de marzo.

A Nintendo Switch estaría composta por unha especie de tableta (que convértese nunha consola doméstica ao introducila nunha base que podemos conectar ao televisor) e un par de mandos Joy-Con que poden conectarse a ambos lados da consola se queremos empregar un control de xogo máis propio dunha tableta, pero que tamén serven como mandos sen fíos cun deseño bastante básico que incluso poderían empregarse para xogar coa Nintendo Switch até 2 persoas á vez, aínda que é moi posible que a meirande parte de usuarios opten por usar un mando Pro (cunha disposición de elementos moi semellante ao mando da Xbox One) para xogar tanto no fogar como en calquera outro lugar.
O orixinal concepto de consola xa parece que vai garantirlle o éxito inicial, ao que tamén axuda que 48 firmas (entre as que están compañías como Bandai Namco, Capcom, Electronic Arts, Bethesda, PlatinumGames, SEGA, Telltale Games, THQ, TT Games ou Ubisoft) anunciasen que xa están a traballar en títulos para esta nova plataforma de videoxogos da que aínda sabemos poucos detalles, pero que conceptualmente parece todo un acerto.
Aínda que parece difícil que a nova consola poda rivalizar coa Xbox One ou a PlayStation 4 a nivel de potencia de hardware, a súa versatilidade parece que compensará tal eiva, que tampouco sería tan grande xa que funciona cun procesador nVIDIA Tegra, máis que suficiente para mover case calquera xogo na súa pantalla de alta definición cunha diagonal de 7 polgadas.
Un detalle a salientar é que a Nintendo Switch retoma o formato de cartucho para os seu xogos, e queda agora agardar a que Nintendo vaia dando máis detalles sobre este produto como a súa autonomía ou o prezo, tanto da consola como dos xogos, elementos que, de estar equilibrados, poden revolucionar o panorama do lecer electrónico o ano que vén.