El Correo Gallego

Tecnoloxía

Nikon presenta unha nova cámara para aventureiros

A COOLPIX W300 resiste auga, po, temperaturas extremas e impactos, dispara fotografías de 18 Mpíxeles e grava vídeo 4K, pero o seu prezo sitúaa fóra do alcance da meirande parte dos seus usuarios potenciais.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 01.06.2017 
A- A+

De cara ao verán Nikon vai pór á venda a nova COOLPIX W300, unha cámara compacta reforzada, capaz de resistir po, auga (até 30 metros de profundidade sen ningún tipo de carcasa), temperaturas extremas (pode operar a 10 graos baixo cero) e incluso caídas (de até 2,4 metros de altura), de xeito que é un dispositivo moi axeitado para aventureiros e deportistas que queiran rexistrar as súas actividades ao aire libre. A cámara tanto pode disparar fotografías de 16 Mpíxeles como gravar vídeo en 4K, permitindo así dende gravar sesións de submarinismo até descensos na neve, sen ter que preocuparase pola integridade da cámara que incluso conta con conectividade SnapBridge para facilitar o compartir as aventuras mentres están a vivirse. SnapBridge permite ligar a cámara ao noso smartphone por Bluetooth 4.1 para recibir as fotografías a medida que se disparan, evitando ter que andar a reconectar constantemente, mentres que para transferir vídeos manualmente contaremos con conectividade Wi-Fi. SnapBridge tamén permite o disparo remoto.

Esta cámara conta cun sensor CMOS de 18 Mpíxeles retroiluminado e un obxectivo f/2.8 con zoom óptico de 5 aumentos, inclúe modo macro, está dotada cunha pantalla TFT de 3 polgadas e flash, mide 111,5 x 66 x 29 milímetros e pesa 231 gramos.
A COOLPIX W300 venderase en 4 cores distintas (amarela, negra, vermella e camuflaxe) e o seu prezo será de 469 euros.