El Correo Gallego

Tecnoloxía

Microsoft presenta o seu novo portátil

O Surface Laptop sairá á venda o 15 de xuño buscando gañarse aos estudantes universitarios coa súa combinación de deseño, transportabilidade, potencia e versatilidade.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 02.05.2017 
A- A+

A liña de equipos Surface de Microsoft continúa a medrar, e tras un primeiro portátil convertible (o Surface Book) presentan agora o seu primeiro portátil tradicional, o Surface Laptop, que chega con Windows 10 S e cun ano de Office 365 (aínda que poderá actualizarse a Windows 10 Pro) e destaca polo seu coidado deseño, a incorporación de procesadores Intel Core de sétima xeración e unha autonomía de até 14,5 horas (reproducindo vídeo).
O Surface Laptop podería definirse como unha versión do Surface Book que non permite separar a pantalla do teclado, e precisamente a súa pantalla PixelSense de 13,5 polgadas cunha resolución de 2.256 x 1.504 píxeles mantén o seu funcionamento táctil. Estará dispoñible en 4 cores (platino, ouro grafito, burdeos e azul cobalto) e sairá á venda a partires do 15 de xuño a un prezo de entrada en EE.UU. de 999 dólares, mentres que en España, onde xa é posible reservar o equipo, os prezos partirían dos 1.149 euros.

Concretamente o Surface Laptop con procesador Intel Core i5, 4 GB de RAM e 128 GB de SSD custará 1.149 euros, o modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de SSD subiría o seu prezo até os 1.149 euros; se incrementamos o procesador a un Intel Core i7 o prezo elevaríase até os 1.799 euros e, finalmente, o modelo con procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM e 512 GB de SSD custaría 2.499 euros.
Este equipo de só 1,25 quilogramos de peso busca o equilibrio entre portabilidade e rendemento, e parece quere converterse nunha alternativa moi sólida aos portátiles de Apple, fronte os que ofrece unha experiencia máis completa ao contar con pantalla táctil. O equipo tamén é compatible cos accesorios Surface Dial e Surface Pen, polo que pode resultar unha ferramenta bastante práctica para creativos.