El Correo Gallego

Tecnoloxía

Meizu presenta a súa alternativa ao Note 7

O fabricante chinés integra procesador e pantalla de Samsung nun smartphone de alta gama que parece querer atraer aos consumidores que non puideron facerse do Galaxy Note 7

MARCUS FERNÁNDEZ  | 01.12.2016 
A- A+

Ao ben recibido Meizu PRO 6 vén de saírlle un irmán maior, o Meizu PRO 6 Plus, que busca converterse no novo smartphone insignia da compañía chinesa, cunhas especificacións que permítenlle mirar de igual a igual a moitos grande teléfonos da competencia, en boa medida porque funciona cun potente procesador Exynos 8890 de Samsung (o mesmo empregado polo Galaxy S7).
Este smartphone de acabado metálico dispoñible en 3 cores distintas (gris, prata e oro champaña) e cun grosor de só 7,3 milímetros non só presume dun potente procesador que ven acompañado por unha gráfica Mali-T880 de 12 núcleos, senón que tamén impresiona pola súa pantalla Super AMOLED de 5,7 polgadas cunha resolución Quad HD (2.560 x 1.440 píxeles) que integra as tecnoloxías 3D Press e Always-On Display. Outra tecnoloxía integrada, que pode sorprende, é que o seu sensor de pegadas dixitais mTouch, aparte de ser capaz de identificar ao usuario en menos de 0,15 segundos, tamén pode medir o ritmo cardíaco.
Como cámara traseira o novo smartphone de Meizu conta cun sensor CMOS IMX386 de Sony de 12 Mpíxeles cun sensor IPS de Samsung e estabilización óptica de imaxe, de xeito que sería a mellor cámara que o fabricante chinés integrou nunca nun teléfono. A cámara frontal queda en 5 Mpíxeles.
O Meizu PRO 6 Plus conta cunha batería de 3.400 mAh cun sistema de carga rápida (por USB-C) que pode completala até o 60% en só 30 minutos, o que é unha prestación que deixará a moitos usuarios tranquilos, xa que non deixa o móbil ancorado a un enchufe durante horas pese á capacidade da súa batería.
Este Meizu cunhas especificacións que o fan parecer un teléfono de Samsung sairá á venda con 4 GB de RAM LPDDR4 e 64 GB de almacenamento interno (UFS 2.0) por 2.999 iuans (409 euros), mentres que o modelo con 128 GB de capacidade custará 3.299 iuans (451 euros), aínda que os prezos internacionais serán substancialmente superiores, polo que queda claro que estamos ante un produto de alta gama, categoría na que Meizu está a conseguir entrar coa cabeza ben alta.