El Correo Gallego

Tecnoloxía

MasterCard proba un lector de pegadas para tarxetas bancarias

As futuras tarxetas MasterCard permitirán que nos identifiquemos coa nosa pegada dixital en vez de empregar PIN.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 20.04.2017 
A- A+

Nos últimos meses afixémonos a que os pagamentos co móbil de compañías como Apple e Samsung empregasen a pegada dixital como xeito de identificar ao usuario, pero dende MasterCard queren facer aínda máis común este xeito de protexer as súas tarxetas bancarias e trasladaríano dos dispositivos electrónicos ás propias tarxetas, de xeito que están a probar novos cartóns bancarios que integran un lector de pegadas dixitais, de xeito que poderemos autorizar as compras en establecementos comerciais co noso dedo, sen ter así que introducir un PIN.
Polo momento MasterCard está a probar estas revolucionaras tarxetas bancarias en Sudáfrica, prevendo levalas ao resto do mundo a finais de 2017 (aínda que non se espera que sexa moi rápida a súa velocidade de adopción, xa que depende en grande da taxa de renovación das tarxetas actuais e do interese das entidades bancarias en adoptar a identificación biométrica nas tarxetas en vez de nos smartphones como estaban a realizar até o momento).
Aínda que estas novas tarxetas bancarias poden parecer unha grande innovación, realmente non será a opción que considerarán máis axeitada todos os consumidores, xa que para que funcione a identificación mediante a pegada dixital haberá que acudir fisicamente a un lugar (normalmente a nosa oficina bancaria) para dixitalizar a nosa pegada (o sistema pode almacenar até dous dedos) e este sistema non permitiría que outra persoa usase a nosa tarxeta (o que pode ser un problema no ámbito familiar).
O mellor desta solución de MasterCard é que resulta compatible cos TPV actuais e a tarxeta non incrementa o seu grosor pese a integrar un sensor biométrico.