El Correo Gallego

Tecnoloxía

Mario Kart sube á realidade virtual no Xapón

Un local en Shinjuku permite gozar de experiencias de realidade virtual de Mario Kart, Evangelion, Ghost in the Shell e As Bolas Máxicas.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 14.06.2017 
A- A+

A realidade virtual está cada vez máis presente no mundo dos videoxogos, pero a súa presenza no mercado está limitada por numerosos factores que van dende o reducido catálogo de xogos e o elevado prezo do hardware até as necesidades de espazo para poder gozar das experiencias virtuais, de aí que teña bastante sentido a existencia de locais nos que poder gozar da realidade virtual, recuperando o espírito dos salóns recreativos. Con esta idea na mente vén de abrir no Xapón a VR ZONE de Shinjuku, onde é posible vivir numerosas experiencias virtuais.
O máis sorprendente da inauguración deste local é que, entre as experiencias que ofrece figura Mario Kart Arcade GP VR, ou sexa, unha adaptación do Mario Kart de recreativas que sería o primeiro xogo de Nintendo para a realidade virtual.
Pero a cousa non remata aí, senón que estas instalacións que empregan a tecnoloxía de HTC Vive tamén contan con outras actividades nas que combinan os cascos de realidade virtual con elementos físicos que achegan sensacións moi realistas durante a experiencia, de xeito que podemos sentir o impacto de dous grandes mechas colisionando en Gundam VR: Daiba Assault, poderemos pilotar un EVA en Evangelion VR: The Throne of Souls, poderemos loitar contra o terrorismo xunto a Motoko Kusanagi nunha zona de combate de 20 x 12 metros en Ghost in the Shell: Arise Stealth Hounds (atracción que non estará dispoñible até o mes de agosto) e incluso poderemos adestrar con Son Goku para aprender a lanzar potentes ondas vitais con Dragon Ball VR: Master the Kamehameha.