El Correo Gallego

Tecnoloxía

Maldita Castilla EX permite lembrar un clásico das recreativas en Xbox One

«¡Por Dios y por Castilla!» berra o protagonista deste xogo español como toda unha declaración de intencións. // Esta produción é unha homenaxe ao clásico Ghost'n Goblins de Capcom.

Imaxe da versión do xogo para Xbox One na que simúlase que temos unha vella pantalla de tubo. - FOTO: Abylight Studios
Imaxe da versión do xogo para Xbox One na que simúlase que temos unha vella pantalla de tubo. - FOTO: Abylight Studios

MARCUS FERNÁNDEZ  | 22.07.2016 
A- A+

A mediados dos anos 80 o lecer electrónico era cae exclusiva dos salóns recreativos, e un dos xogos máis recordados das salas de xogos é sen lugar a dúbidas “o dos zombies”, Ghost’n Goblins, protagonizado por un cabaleiro chamado Sir Arthur, que tiña que acudir ao rescate da princesa Prin Prin derrotando no camiño a mortos viventes, ogros, demos, ciclopes, dragóns... e aínda que este xogo clásico editouse en distintos recompilatorios de Capcom para ordenador e consolas de videoxogos, existe un novo xeito de retomar este espírito retro cun toque moi especial grazas a un desenvolvedor independente alcumado Locomalito, que durante preto de dous anos traballou nunha recreación do xogo de Capcom mudando a súa ambientación para darlle un carácter español moi rechamante.

Naceu así Maldita Castilla, un xogo que podemos descargar de balde para PC, pero que esta semana está de máxima actualidade porque Abylight Studios conseguiu portar este traballo a Xbox One, de xeito que xa podemos mercar para a consola de Microsoft o xogo Maldita Castilla EX por 11,99 euros.

Este novo xogo colócanos dentro da armadura de Don Ramiro (un personaxe inspirado no Cid Capeador), o máis leal cabaleiro do Rei Alfonso VI de León, que terá que expulsar aos mortos viventes e a criaturas demoníacas do Reino de Castela a través das 8 fases que compoñen este título de estilo arcade no que hai máis de 48 inimigos diferentes, 19 xefes finais, 15 logros desbloqueables e 4 finais diferentes.

A sensación de botar unha partida a Maldita Castilla EX é bastante curiosa, porque un sinte a nostalxia de volver estar nunha sala de xogo (teremos a opción de continuar partida como se estivésemos a meter moedas nunha máquina recreativa e a imaxe presentarase simulando que temos unha pantalla de tubo), gozaremos dunha mecánica de xogo moi familiar, pero en contraposición teremos un xogo novo, cun deseño moi coidado, e coa presenza de monstros mitolóxicos europeos e unha iconografía castelá castiza, que levará a moitos a sorrir ao ver como Don Ramiro berra «¡por Dios y por Castilla!» ao derrotar aos seus inimigos. Unha experiencia que sorprende que poida gozarse nunha consola de última xeración.