El Correo Gallego

Tecnoloxía

O MacBook Pro muda as teclas de función por unha pantalla táctil

A Touch Bar é unha pantalla táctil alargada situada na parte superior do teclado buscando un novo xeito de interacción coas aplicacións de sistema e de terceiros // Estes novos equipos tamén contan con Touch ID, sistema de identificación mediante pegadas dixitais que goza de grande aceptación no móbil

MARCUS FERNÁNDEZ  | 28.10.2016 
A- A+

Apple presentou hoxe o seu novo MacBook Pro, un ordenador portátil de grande potencial que con este redeseño presenta o seu formato máis delgado e lixeiro á vez que revoluciona a súa interface de uso facendo desaparecer a tradicional ringleira de teclas de funciona para deixar lugar á nova Touch Bar, unha brillante pantalla multi-táctil de calidade Retina.
Este atractivo equipo tamén incorpora Touch ID para gozar dun sistema de identificación cómodo e seguro, un teclado de rápida resposta, un trackpad Force Touch máis grande que o dos seus predecesores e un sistema sonoro co dobre de rango dinámico. En potencia tamén é todo un portento, con procesadores Intel del sexta xeración con 2 e catro núcleos, un incremento da potencia gráfica de até 2,3 veces a xeración anterior, unidades SSD ultrarrápidas e até catro portos Thunderbolt 3 (USB-C).
A Touch Bar é claramente a grande innovación deste equipo, e busca ofrecer grandes opcións de control en función da aplicación que se estea a empregar, soportando tanto as aplicacións de sistema como moitas outros de terceiros. Por exemplo, a Touch Bar pode amosar as diferentes pestanas e os favoritos do navegador web Safari, pode empregarse para acceder ás emoticonas da aplicación de mensaxería ou permite avanzar e retroceder en vídeos, entre outras moitas posibilidades que os desenvolvedores irán incorporando aos seus programas para que os usuarios destes novos portátiles poidan gozar dun control innovador e bastante práctico.
O MacBook Pro consegue que o seu modelo de 13 polgadas presente un grosor de só 14,9 milímetros e un peso de 1,36 quilogramos, o que suporía ser un 23% máis compacto e 200 gramos máis lixeiro; mentres que o modelo de 15 polgadas tería un grosor de 15,5 milímetros (sendo un 20% máis compacto) e cun peso total de 1,8 quilogramos (tamén 200 gramos máis lixeiro que na xeración anterior).
Para poder gozar dun dos novos MacBook Pro con Touch Bar e Touch ID teremos que agardar un par de semanas como mínimo, saínda á venda cun prezo de partida de 1.999 euros para a versión con procesador Intel Core i5 de dobre núcleo, 8 GB de RAM e 256 GB de SSD e pantalla de 13 polgadas, quedando o chanzo superior nun modelo con pantalla de 15 polgadas, procesador Intel Core i7 de catro núcleos, 16 GB de RAM e 512 GB de SSD por un prezo que parte dos 3.199 euros.