El Correo Gallego

Tecnoloxía

O LG V20 é o primeiro smartphone que chega ao mercado con Android 7.0

O novo smartphone de LG destaca pola súa dobre pantalla, excelentes cámaras e micrófonos e un deseño de auténtico luxo

MARCUS FERNÁNDEZ  | 07.09.2016 
A- A+

Xa hai máis dun mes do anuncio por parte de LG de que o seu smartphone LG V20 sería o primeiro do mercado en saír á venda con Android 7.0 preinstalado, e finalmente hoxe o novo teléfono preséntase oficialmente, dando a impresión de que quere converterse no referente da compañía surcoreana tras a tibia acollida que tivo o LG G5, aínda que desta volta cómpre avisar de que estamos ante un dispositivo dunha liña moi diferente, centrado no deseño moi coidado e nas súas capacidades multimedia.
Aínda que un dos detalles máis rechamantes do LG V20 sexa que ten unha dobre pantalla (sobre a pantalla principal de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles hai unha pequena tira orientada á recepción de notificacións sen interromper o que facemos na pantalla principal, que ten unha resolución de 1.040 x 160 píxeels), iso sería simplemente unha funcionalidade máis dun terminal extraordinariamente completo, que a nivel externo tamén deixa ver a súa calidade, xa que está construído nun aluminio lixeiro xunto a un material baseado no silicio para a súa parte traseira, así como elementos de protección nas súas partes superior e inferior, combinando así unha aparencia sofisticada cunha resistencia que supera a certificación IL-STD 810G para caídas (na que proban que o teléfono continúe a funcionar tras caer repetidas veces a unha altura de 1,2 metros).

Como acontecía co LG V10, o LG V20 fai unha importante aposta pola gravación de vídeo, e así incorpora Steady Record 2.0, que en combinación coa tecnoloxía de estabilización de imaxe de Qualcomm consegue gravar vídeo moi estable, procurando minimizar as distorsións. Aínda que moitos tamén agradecerán que o vídeo tamén coide o son, xa que co LG V20 pódese gravar audio de alta fidelidade, contando con filtros de corte baixo e limitador, de xeito que en certos contornos podermos limitar o son que queremos rexistrar, conseguindo reducir o son de fondo á vez que se garda o son nun formato propio dos equipos de vídeo profesionais.
Para os audiófilos tamén estamos ante un magnífico terminal, xa que é o primeiro smartphone do mercado en incorporar un DAC cuádruplo de alta fidelidade en 32 bits, de ESS Technology, que achegaría unha reprodución sonora moi fiel, aínda que tamén a nivel de gravación sonora poderiamos estar satisfeitos, xa que o LG V20 incorpora tres micrófonos que conseguen unha calidade moi superior que a meirande parte dos móbiles do mercado, que de empregalos nun modo estudio permitirán un control manual que poderiamos aproveitar incluso para gravar audicións musicais.
Entrando nas especificacións, estamos ante un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 820, 4 GB de RAM (LPDDR4), 64 GB de almacenamento interno (UFS) ampliable mediante tarxetas microSD (de até 2 TB), dobre cámara traseira (unha de 16 Mpíxeles, apertura f/1.8 e estabilización óptica, e outra de 8 Mpíxeles e apertura f/2.4 con grande angular), cámara frontal de 5 Mpíxeles (con grande angular e apertura f/1.9), LTE (de categoría 12 capaz de descargar datos até a 600 Mbps), Wi-Fi AC, USB-C, Bluetooth 4.2, NFC, lector de pegadas dixitais, batería extraíble de 3.200 mAh con Qualcomm Quick Charge 3.0, un grosor de só 7,6 milímetros e carcasas en cor titán, prata ou rosa.