El Correo Gallego

Tecnoloxía

O iPhone 7 xa pode cargarse á vez que se usan os seus auriculares

Os Pioneer Rayz Plus integran unha toma Lightning que facilita a carga do móbil mentres se empregan estes auriculares con cable.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 16.02.2017 
A- A+

Pioneer vén de pór á venda os seus auriculares con cable Rayz Plus a un prezo de 149,95 dólares con acabado en cor dourada ou gris escura, destacando por ser os primeiros auriculares Lightning do mercado que tomando a súa alimentación directamente do porto Lightning permite a carga do iPhone ao que estean conectados durante o seu uso, xa que no propio cable inclúe unha toma Lightning femia á que conectar un cargador.
Estes auriculares non só empregan a conexión Lightning para recibir son, senón tamén para captar a enerxía que permite facer funcionar a súa cancelación de ruído activa, que non só serve para bloquear os ruídos do noso contorno, senón que tamén pode aproveitarse de xeito intelixente para enfocarse nas cousas que o usuario quere escoitar.
Nunha actualización de software tamén preténdese que estes auriculares, que poden empregarse a xeito de mans libres, poidan empregar a función Smart Mute, que pecha o micrófono cando o usuario non estea a falar, evitando así que o interlocutor nunha chamada escoite o rebumbio cando se fala dende un local público.
Os auriculares tamén contan con AutoPause (para a reprodución musical cando se quitan) e modo HearThru (permitindo que o usuario poida recibir o son ambiental, o que resulta interesante cando, por exemplo, andamos pola rúa e queremos poder escoitar, por exemplo, o claxon dun automóbil).