El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Instagram xa permite vídeo en directo

A actualización de Instagram tamén incorpora a posibilidade de enviar imaxes e vídeos en privado que borraranse tras a súa visualización para competir de xeito máis directo con Snapchat

MARCUS FERNÁNDEZ  | 21.11.2016 
A- A+

Facebook continúa a incorporar novidades a Instagram, conseguindo progresivamente que a que inicialmente era unha aplicación para compartir fotografías cadradas sexa un espazo ideal para compartir imaxes e vídeos, para abrirse ao mundo e incluso para intercambiar mensaxes moi visuais coas nosas amizadas, de xeito que competiría con Vine, Snapchat e incluso Periscope, coa vantaxe de contar cunha base de usuarios moi superior, de xeito que está a consolidarse como a aplicación móbil do momento.

Hoxe publican unha nova versión da aplicación, que agora permite que as Historias (imaxes e vídeos efémeros) teñan agora unha nova posibilidade: o vídeo en directo. Cando un usuario inicia agora un directo pode transmitir audio e vídeo durante até unha hora, recibindo os seus amigos unha notificación e podendo intercambiar comentarios en directo e premer o botón de Gústame en tempo real na liña do que se fai con Periscope, aínda que destaca o feito de que durante a emisión o responsable da mesma pode destacar comentarios en concreto e incluso desactivalos. Durante o tempo de retransmisión, os seareiros verán tamén como na barra de historias a fotografía de perfil do emisor estará marcado cunha etiqueta que destaca que a súa historia é en directo.

Outra grande prestación incorporada hoxe a Instagram é a posibilidade que que as fotografías e os vídeos efémeros xa non sexan exclusivos das Historias, senón que tamén poidan empregarse en comunicacións privadas, ou sexa, que a través de Instagram Direct poderán mandarse mensaxes que se auto-destrúen, de xeito que poderiamos dicir que Instagram xa colleu a dianteira a Snapchat, clonando practicamente todas as súas funcionalidades e incorporando bastantes máis.

Agora poderemos enviar imaxes e vídeos en privado aos nosos contactos con algunha parvada que non queiramos que se conserve, de xeito que tras a súa visualización perderanse, notificándose ao usuario emisor no caso de que o receptor vulnere a condición efémera deste tipo de comunicación, por exemplo, tomando unha captura de pantalla.

Estas comunicacións teñen unha icona de seu, un avión de papel, que está agora presente incluso ao pé de cada publicación en Instagram, de xeito que os usuarios que teñen unha conta público ábrese a recibir comunicacións deste tipo de calquera (mentres que as contas privadas só teñen a porta aberta aos seus amigos.