El Correo Gallego

Tecnoloxía

Instagram incorpora enquisas

As historias de Instagram contan xa con adhesivos que permiten realizar enquisas con dúas opcións.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 04.10.2017 
A- A+

Dende Instagram son moi conscientes de que as historias son o motor de atracción de usuarios, e continúan a renovar este formato de publicación efémero enriquecendo a súa interacción, de xeito que a partires de agora é posible realizar preguntas suxeitas a votación a través dun novo adhesivo que podemos pegar nas historias e que funcionará a xeito de enquisa.
Deste xeito, cando publiquemos unha imaxe ou vídeo nunha historia podemos inserirlle un adhesivo con dúas opcións, de xeito que os amigos poderán premer nunha das mesmas, momento no que verán os resultados da votación en tempo real e, no caso de visitar a historia máis adiante, veranse os resultados dese momento.
Os usuarios que publicaron a enquisa non só poderán ver os resultados, senón que tamén coñecerán as votacións de cada usuario, o que permite debullar entre amigos e seareiros en función da confianza que se ten nos mesmos, para saber como ter en consideración as respostas. Como en toda historia, as enquisas e os resultados desaparecerán ás 24 horas.
Adicionalmente as historias en Instagram tamén incorporan novas ferramentas como é a posibilidade de empregar o contagotas para seleccionar a cor do texto ou da ferramenta de debuxo que empreguemos (facendo doado que o contido que vaiamos a engadir case axeitadamente co contido da historia) e tamén contaremos con guías azuis en pantalla para axudar a centrar adhesivos ou para facilitar a súa colocación en lugares visibles.