El Correo Gallego

Tecnoloxía

Instagram estrea filtros faciais

A cámara de Instagram permite incorporar capas animadas en tempo real grazas a tecnoloxía de MSQRD (que tamén emprega o Messenger de Facebook).

MARCUS FERNÁNDEZ  | 16.05.2017 
A- A+

A aplicación móbil de Instagram incorpora hoxe novas funcionalidades na súa cámara, facendo máis doado converter un simple selfie nunha fotografía divertida grazas a prestacións como os filtros faciais en tempo real, unha das características polas que destacaba no seu día Snapchat,  que Facebook puido avanzar na mesma grazas á adquisición dunha compañía especializada na material (MSQRD).
Agora, cando abrimos a cámara da aplicación de Instagram temos a posibilidade de activar distintas capas animadas que engaden á nosa cabeza diademas, orellas de coala e outros filtros que permiten que botemos unhas risas disfrazándonos virtualmente, para compartir logo as imaxes, o que para moitos supón unha grande comodidade, xa que non eran poucos os usuarios que, pese a empregar Instagram para compartir imaxes e vídeos cos seus amigos, empregaban como aplicación de cámara a de Snapchat (de aí que non sexan poucos os que consideren que esta novidade de Instagram sexa o último cravo no ataúde de Snap Inc.).
As máscaras faciais tamén son compatibles con modos de gravación de vídeo como Boomerang, aínda que esta non é a única novidade da cámara de Instagram, pois agora tamén facilita a creación de vídeos que poden ir cara atrás (Rewind) na liña do que faría Boomerang, facilitando así a creación de pequenos clips divertidos ou incluso trucos de maxia.
Dende Instagram tamén destacan que, ao igual que podiamos introducir capas de texto nas imaxes e vídeos que inclúan nomes de usuario de Instagram a xeito de ligazóns a perfís, agora tamén poderemos facer o mesmo cos cancelos, facilitando así a exploración de publicacións cunha temática determinada.
Para rematar, Instagram incorpora unha nova ferramenta de debuxo, que en vez de permitir que empreguemos o noso dedo para pintar sobre a pantalla, permite facer xusto o contrario: borrar co dedo. Deste xeito poderemos cubrir a pantalla completamente cunha cor sólida, e logo eliminar co dedo as partes das nosas imaxes ou vídeos que queiramos que sexan visibles.