El Correo Gallego

Tecnoloxía

HP presenta un ordenador con forma de altofalante

O HP Pavilion Wave busca facerse un oco no fogar cun deseño discreto, elegante e funcional.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 01.09.2016 
A- A+

En moitos fogares óptase por adquirir ordenadores portátiles ou todo-en-un por motivos estéticos e de espazo, pero pensando nos usuarios que non queren sacrificar as prestacións dun bo equipo de sobremesa á vez que queren coidar a súa estética, HP presenta o seu novo Pavilion Wave, un elegante ordenador encerrado nunha carcasa de ten a aparencia dun altofalante de base triangular e que, de feito, integra un altofalante de 360 graos, de xeito que fai unha función dobre, á vez que ten unha aparencia moi discreta que non desloce un escritorio ou un salón.
O HP Pavilion Wave funciona con procesadores até os Intel Core i7 de sexta xeración, até 2 TB de disco duro (con opción dunha segunda unidade cunha SSD de 128 GB), até 16 GB de RAM, opción de gráfica AMD Radeon R9 M470, un bo sistema de son (B&O PLAY), a posibilidade de funcionar con até 2 monitores (1 UHD ou 2 QHD), 3 unha completa conectividade (3 portos USB 3.0, 1 porto USB 3.1 de tipo C, 1 HDMI, 1 DisplayPort, Gigabit Ethernet, toma para micrófono/auriculares, Wi-Fi AC e Bluetooth).
Este equipo sairá á venda a finais de mes a un prezo de 549,99 dólares (descoñecéndose polo momento o seu prezo europeo), polo que parece que será a opción para moitos usuarios que busquen un equipo informático elegante e discreto, así como cun bo sistema de son para ambientar un despacho ou un salón.