El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Google estrea un formato de historias orientadas a móbiles

MARCUS FERNÁNDEZ  | 13.02.2018 
A- A+

Google leva uns anos promovendo a súa tecnoloxía de Accelerated Mobile Pages (AMP) para axilizar a carga de páxinas web no móbildende o seu buscador, pero este proxecto quere chegar máis aló, e agora presentan o formato AMP story, que vén a ser o equivalente ás historias de Instagram e outras plataformas sociais, pero levadas aos grandes medios, que poden agora ofrecer novas e informacións de xeito enriquecido e optimizadas para o seu consumo en vertical no móbil.
As historias AMP buscan servir para narrar a través de imaxes e vídeos en dispositivos móbiles, atendendo ao atractivo que ten o visual no consumo rápido, xa que este tipo de contidos téñeno máis doado para captar audiencias, atendendo ao feito de que no teléfono é máis difícil que os usuarios fagan lecturas repousadas.
Para experimentar con este formato Google puxo as súas especificacións en mans dun pequeno grupo de editores (CNN, Conde Nast, Hearst, Mashable, Meredith, Mic, Vox Media e The Washington Post) para que comezasen a elaborar contidos optimizados para móbiles sen preocuparse polos desafíos técnicos e centrado aos creadores na narrativa das súas historias. Agora as primeiras destas historias AMP xa son visibles para calquera no móbil, e calquera creador tamén pode comezar a desenvolver contidos neste formato para que apareza nos resultados de busca de Google.