El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

A Fitbit Alta HR incorpora pulsímetro

A nova pulseira de actividade de Fibit é a máis delgada do mercado con monitor cardíaco constante, o que supón unha grande vantaxe para o rexistro do estado de forma e da calidade do sono.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 07.03.2017 
A- A+

Mentres os smartwatches non rematan de callar no mercado, as pulseiras de actividade continúan a avanzar, e unha das marcas de referencia no sector, Fitbit, anuncia unha pulseira que promete converterse en todo un éxito, a Fitbit Alta HR, que presume de ser a máis fina do mercado con ritmo cardíaco continuo, á vez que tamén busca unha estética discreta, elegante e personalizable para que o seu uso non se limite á práctica deportiva e poida vestirse todo o día e incluso vixiar a calidade do sono, xa que a súa batería dura até 7 días.
A nova pulseira conta con funcións básicas como podómetro, contador de consumo de calorías, distancia e ritmo cardíaco, recoñecemento automático de exercicio físico SmartTrack, sistema de alertas (de chamadas, mensaxes de texto e calendario) e pantalla táctil OLED, contando como un dos seus grandes sinais de identidade a posibilidade de mercarse en varias cores e poder mudar as súas correas para adaptar o seu estilo a distintas ocasións, de xeito que podemos complementala con correas plásticas de distintas como de elegantes pulseiras metálicas de aceiro inoxidable.

A Fitbit Alta HR estándar está dispoñible en 4 cores distintas por 149,95 euros, existindo tamén un par de edicións especiais en negro/gris chumbo e rosa claro/ouro rosa que custan 169,95 euros. Confíase en que os pedidos realizados hoxe do modelo normal poida atenderse en menos dunha semana, mentres que as edicións especiais poden tardar entre 3 e 5 semanas en recibirse por parte dos consumidores que as reserven.
Os accesorios desta pulseira tamén teñen prezos moi dispares, que van dende os 29,95 euros dunha correa plástica até os 299,95 euros dunha pulseira de aceiro Public School Axis (con aparencia de reloxo de pulso de aceiro) pasando polos 89,95 euros dunha pulseira metálica que fai pasar o monitor de actividade por un complemento de moda.