El Correo Gallego

Tecnoloxía

Firefox chega aos dispositivos Fire TV

A estrea do navegador web de Mozilla no Fire TV Stick de Amazon supón un importante pulo para este trebello que estes días ofértase a un prezo moi atractivos.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 20.12.2017 
A- A+

Nas últimas semanas os posuidores dun dispositivo Fire TV tiñan medo de perder unha das súas funcionalidades máis importantes, a posibilidade de reproducir vídeos de YouTube, xa que a aplicación YouTube.com estaba a amosar unha mensaxe anunciando que o 1 de xaneiro deixaría de funcionar, pero a solución chegou hoxe con grande sorpresa, pois en vez de xurdir unha aplicación oficial de YouTube desenvolvida por Google chegou un novo navegador web ao rescate: Firefox for Fire TV.

Esta nova aplicación funciona perfectamente nos dispositivos Fire TV, estando especialmente optimizada para o seu mando a distancia, facilitando así a exploración de páxinas web dende o televisor e, moi especialmente, páxinas de reprodución de vídeo como YouTube, servizo para o que hai un atallo na súa páxina principal. Temos así unha ferramenta ideal para acceder aos moitos espazos web baseados no vídeo que hai na Rede.
Cómpre salientar que o Fire TV Stick Basic Edition leva só mes e medio á venda en España, e xusto estes días ofértase a 29,99 euros aos clientes de Amazon Prime, polo que o feito de que agora vaia poder ter un mellor aproveitamento grazas a unha versión específica do Firefox é unha magnífica nova.